
Spedion, firma fundada en Alemaña no ano 2002 cuxa sede para España e Portugal aséntase en Valdeorras desde o 2017, ratifica a súa aposta pola comarca inaugurando as novas instalacións na Rúa, que substitúen ás que ata o de agora estiveran funcionando no Polígono Industrial da Raña (no Barco de Valdeorras).
Así, o director executivo da compañía, Spedion, visitaba na mañá deste martes 27 de outubro a nova sede da empresa, á que se referiu como “máis moderna e funcional” e dende a que se poderán “ofrecer respostas operativas aos retos e desafíos que a empresa ten na Península Ibérica”.
Estas novas instalacións, situadas na rúa Doutor Vila, constan de 167 metros cadrados de oficinas e almacén e nelas desenvolven a súa actividade laboral, actualmente, seis traballadores. “O espazo de traballo é aberto, sen divisións, e máis amplo e aproveitable que o anterior, o que favorece a cohesión e o traballo en equipo”, sostén a directora da empresa en España, Beatriz García.

Spedion, é unha das empresas con maior proxcción internacional no ámbito da creación e innovación de sistemas de xestión de frotas no sector do transporte e aposta por ofrecer solucións TIC para fortalecer a competitividade do transporte por estrada, un ámbito cuxa relevancia se evidenciou durante o confinamento ao ser declarado esencial. “Precisamente, a xestión telemática de frotas de transporte é clave para que este sector se fortaleza ao tempo que permite optimizar a xestión de roteiros e cargas, posibilitando que as empresas do sector aproveiten ao máximo as oportunidades de negocio e a capacidade dos seus vehículos”, sinalou Grohse. “Un dos principais obxectivos da nosa compañía é conseguir que calquera empresa de transporte, sexan cales sexan as súas características, poida resultar competitiva no mercado actual”, engadiu. Por este motivo, favorecer a súa “dixitalización converteuse nunha cuestión crucial”, indicou o director executivo da firma durante a súa visita ás novas instalacións da empresa.