A asociación Stop Accidentes e o Concello de Ourense están a barallar un proxecto no cal, en certos días, algunhas rúas da cidade sexan peonís. Así o anunciou hoxe, 17 de xullo, un dos responsables da asociación, Daniel Pousada, durante a presentación da nova campaña que Stop Accidentes levará a cabo canda ao Concello sobre a prevención de atropelos.
Polo momento, este proxecto é un borrador xa que “primeiro teñen que traballar os técnicos e ver cales desas rúas poden ser peonís”, asegurou o concelleiro de Seguridade Cidadá, Carlos Campos. Pero están a pensar nesa peonalización das rúas que “nun futuro poderían ser peonís durante todo o ano”, dixo o edil.
Pero o obxectivo da citación de hoxe coa prensa era amosar a seguinte fase que está a levar a cabo o consistorio canda a asociación para a prevención dos atropelos. Xa no mes de abril, os voluntarios do concello, xunto con Stop Accidentes e o alumnado do Colexio Cardenal Cisneros, roldaron polas principais vías da cidade para concienciar a eses peóns: “estivemos 24 días e algúns dos cidadáns si que aceptaban a campaña pero outros pensaban que lles estabamos a rifar”, dixo Dani Pousada.
Nesta segunda fase, os voluntarios do concello e os da asociación Stop Accidentes, distribuirán polos vehículos do casco urbano os 5.000 panfletos informativos que imprimiron dende o Concello para concienciar, tanto a peóns coma condutores, sobre ese problema dos atropelos. Neste senso, Dani Pousada lembrou que “un atropelo a 40 quilómetros por hora supón a fractura inmediata dunha perna, un brazo ou a cadeira”.
Dani Pousada reiterou que Ourense, segundo as estatísticas, é a segunda cidade de Galicia, “tras A Coruña”, en número de atropelos graves dentro do casco urbano. Neste senso asegurou que “Pontevedra tivo un descenso moi considerable” algo que se pode relacionar con que practicamente toda a capital do Lérez é peonil.
Texto: Carlos Asensio.