EconomíaEconomíaÚltima hora

O Supremo dá a razón ás traballadoras da axuda a domicilio do Concello do Barco

A CIG vén de facer pública unha sentenza coa que culmina un proceso xudicial de 7 anos no que estas traballadoras pedían equiparar os seus salarios ao convenio de persoal laboral da administración local

 

Os representantes da CIG, durante a rolda de prensa celebrada no Barco./ Foto: A.R.

Despois de sete anos e oito procedementos xudiciais, o Tribunal Supremo vén de emitir unha sentenza que falla a favor dun grupo de traballadoras de axuda a domicilio do Concello do Barco. A CIG facía público o resultado desta sentenza nunha rolda de prensa celebrada no Barco na mañá do 6 de novembro coa presenza de Francisco Moral, secretario da Unión Local da CIG Valdeorras; Xosé Rodríguez Díaz, asesor Xurídico da CIG; e Anxo Pérez Carballo, secretario comarcal da CIG en Ourense.

“Esta sentenza ten moita trascendencia porque crea xurisprudencia. Ademais é un asunto desta comarca e por iso tamén quixemos presentalo aquí”, comezaba dicindo Francico Moral. A continuación interviña, Xosé Rodríguez Díaz, quen explicaba os pasos que se foron dando neste procedemento no que comezaron levando o caso de catro mulleres que finalmente, co tempo, se converteron en oito.

O que pedían as traballadoras, segundo explicaba Rodríguez Díaz, era que o seu salario se equiparase ao do convenio do persoal laboral do Concello, “en concreto pedíamos o correspondente á categoría de peón, pero o Concello do Barco porfiou en que non”. O asunto chegou ao xulgado e, despois de sete anos, “agora o Supremo confirma o que dixera no seu momento o Xulgado Social nº2 de Ourense, polo tanto teñen que pagarlle a estas traballadoras como aos peóns e tamén cotizar conforme a iso, o que supón unha notable diferenza con respecto ao que estaban cobrando”, confirma Xosé Rodríguez Díaz. Asemade resaltaba que isto vai “crear xurisprudencia e vai influír no resto de pronunciamentos non só do Concello do Barco, senón en situacións parecidas doutras administracións no caso de traballadores contratados por programas”.

Pola súa banda, Anxo Pérez, facía unha valoración sindical e indicaba que esta ten sido “unha batalla longa, o Concelo foi ata o final, ao Supremo, máis lonxe non se pode chegar, e iso vai influír nas relacións laborais de todos os concellos de España”. E aseguraba que “alégranos que esta batalla se ganara en Valdeorras, xa que queremos potenciar e fortalecer a Unión Local de Valdeorras”.

A valoración do Concello do Barco

Pola súa banda, dende o Concello do Barco asegurábase que se cumprirá a sentenza. Así o confirmaba o alcalde barquense, Alfredo García, ao ser preguntado por este tema dende o Periódico O Sil. “Temos moitas reclamacións e unhas ganámolas e outras non. Nós temos uns informes técnicos que nos din que debemos facer unha cousa, de feito, neste tema ata o último momento había sentenzas contraditorias, polo tanto, isto quere dicir que non estaba tan clara a situación. Unha vez que hai unha sentenza, pois ímola cumprir”.

 

O alcalde do Barco, Alfredo García./ Foto: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button