SanidadeÚltima hora

“A supresión das áreas sanitarias é un erro garrafal do goberno da Xunta”

Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG-PSOE, facía estas declaracións tras reunirse no Barco coa Xunta de Persoal do HCV

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, reuníase na mañá do 3 de xaneiro coa Xunta de Persoal do Hospital Comarcal Valdeorras, no Barco. Nesta xuntanza, de case unha hora, unha das cuestións principais que se poñía sobre a mesa era a da reforma da Lei de Saúde de Galicia, que suporá a supresión da área sanitaria de Valdeorras.

Tras este encontro, no que tamén participaban alcaldes e concelleiros da comarca, así como o novo secretario provincial do partido, entre outras persoas; Caballero facía unhas declaracións nas que lembraba que a reforma da citada lei, aprobada en decembro en Consello da Xunta, suporá a supresión de catro áreas sanitarias en Galicia: a de Valdeorras, Monforte de Lemos, a Mariña Lucense e o Salnés.

Esa supresión, resaltaba o secretario xeral do PSdeG-PSOE, “é un erro garrafal do goberno da Xunta e queremos que se rectifique esa decisión. Hai áreas sanitarias, como a de Valdeorras especificamente, que pola súa situación de orografía e de posición xeográfica ten unhas implicacións polas que pode ser especialmente grave e que implican danos máis acuciantes para a cidadanía no senso de que boa parte dos efectos é desprazar certos servizos e certas atencións a Ourense. E a distancia é o suficientemente ampla en tempo e en espazo xeográfico como para que poda ter implicacións de calidade na sanidade e tamén de garantía de todos os dereitos sanitarios e incluso de calidade de vida da cidadanía, polo tanto ésta é unha das áreas de maior efecto desa supresión de áreas e preocúpanos especialmente”.

Ademais anunciaba o respaldo do PSdeG ás mobilizacións que van ter lugar o día 24 de xaneiro nas catro áreas afectadas para pedir a retirada da reforma da lei, así como na prevista en Santiago o vindeiro 4 de febreiro.

Máis información e fotos sobre a visita de Gonzalo Caballero:
https://osil.info/caballero-comeza-ano-reunindose-co-partido-socialista-valdeorres/

Artigos relacionados

Back to top button