Eleccións municipais 2023PolíticaÚltima horaVídeos

Suso Vilasánchez: “Temos que quitarlle a maioría absoluta a Alfredo García, podemos facelo se confiades en nós”

O candidato do BNG á alcaldía do Barco incidía nesta mensaxe no mitin celebrado esta tarde e no que presentaba o seu programa

 

“O importante non son as obras estelares, senón as persoas, e a nós impórtannos as persoas, e nese senso temos proxectos prioritarios polas necesidades que vemos no Barco e en Valdeorras”, dicía o candidato do BNG á alcaldía do Barco, Suso Vilasánchez, no mitin que celebraba esta tarde no Barco, xunto á súa candidatura, e contando do respaldo dos deputados galegos Iago Tabarés, Noa Presas e a ruesa María G. Albert.

 

 

Vilasánchez dicíalle claramente aos asistentes que “temos que quitarlle a maioría absoluta a Alfredo García, iremos pola súa maioría absoluta, iso é posible se confiades en nós, entón que el faga o seu programa que nos tamén faremos o noso, pero imos falar”. E, a partir de aí, comezaba a detallar o seu programa, “que é moi longo, pero do que fixemos un extracto que é un contrato coa cidadanía para o mandato municipal 2023-24”. O primeiro dos puntos é “non subir taxas nin impostos municipais, porque resulta que neste senso O Barco é o concello máis caro”, mentres que no segundo insisten na súa intención de “crear un bus para achegar o noso rural á vila, unha iniciativa que xa presentamos nunha moción no pleno e que foi rexeitada”.

O cabeza de lista do BNG tamén mencionaba, entre outros puntos, a redución das rúas con “Zona Azul” e realizar unha drástica redución de prezos”, ademais de “activar plans de emprego locais para fixar poboación” e “crear redes de apoio á poboación desprotexida ou vulnerable, incluíndo as emerxencias climáticas, incrementando os orzamentos municipais para emerxencias sociais”. Outro dos eidos do seu proxecto é “impulsar a recuperación do medio ambiente, a reforestación con árbores autóctonas como forma de crear riqueza e loitar contra o cambio climático” ou confeccionar programas de envellecemento activo.

 

 

 

Vilasánchez pechaba deste xeito un acto que iniciaba o deputado galego Iago Tabarés, reivindicando o “dereito a vivir e traballar na propia terra”. Despois referíase á situación do financiamento dos concellos galegos, “que son os peor financiados do Estado español, xa que prima un criterio de reparto por poboación, e esta é unha cuestión que nunca tocan os gobernos do PP nin do PSOE” e que ten o seu reflexo “nos servizos públicos”.  Tabarés apuntaba que “o noso voto ten un toque de dignidade en Ourense, queremos persoas que estean para servir as institucións e Suso vaino facer porque ese é o noso sinal de identidade e iso é o que temos que decidir o 28M no Barco, en Valdeorras e en Ourense”.

 

 

Deseguido tomaba a palabra Noa Presas, quen cualificaba a Suso Vilasánchez como “un referente de dignidade e de loita en defensa da sanidade”, para logo asegurar que “nesta campaña electoral hai moito ruído e moito interese en que non falemos das cuestións que nos interesan para, dese xeito favorecer o inmobilismo porque hai quen está moi cómodo nel. Se hai alguén que fixo os deberes neste concello foi o compañeiro Suso. E tamén hai moito ruído porque hai unha corrente de simpatía cara o BNG porque somos unha forza política que facemos o que dicimos”.

 

 

Así Presas remarcaba que o BNG preséntase ás municipais co “exemplo porque xa o fixemos noutros sitios o BNG ten o seu modelo municipal de éxito, temos modelos para todo tipo de concellos e de realidades. Cando a cidadanía nos dá unha oportunidade, repite. Pídovos que confiedes na candidatura de Suso porque eles teñen as claves para facer que esta parte do país teña o lugar do mundo que lle corresponde”, concluía.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button