
Teatro ao aire libre como broche do X De Perto, no Barco. O ciclo chega á súa fin neste venres 15 de xullo coa comedia “A parábola do angazo”, de Talía Teatro que participa por segunda vez neste festival.
Esta peza, con dirección de Diego Rey e cun elenco formado por Toño Casais e Artur Trillo, xira arredor da lingua e os seus usos. “No mundo hai linguas de todo tipo e tamaño. Unhas máis falangueiras, outras máis longas, algunhas tan enormes que enchen a boca, outras tan morniñas que non dan dito nada, e algunhas tan afiadas que mesmo parece que aguilloan ao falar. E entre todas elas está a nosa, a galega”, din dende Talía Teatro.
Con esta obra teatral pretenden “sacar a lingua a pacer. Imos botar unha ollada ao noso pasado, para poder ter outra perspectiva do noso presente e mesmo mirar de esguello ao que haberá no futuro. Así, rindo a eito, poderemos tirar da nosa lingua para sacala ben fóra e demostrar que aínda ten moito que dicir”.
A cita, esta noite a partir das 22:30h. no Xardín da Casa Grande de Viloira (O Barco).