ConcellosO BarcoÚltima hora

Tanxugueiras, as favoritas dos fans de Eurovisión para representar a España en 2022, actuarán no Barco o Día do Cristo

O concerto do grupo folk galego será o 14 de setembro a partires das 21 horas na carpa instalada no campo da festa

Tanxugueiras.

 

Mañá, venres 10 de setembro, arranca o programa cultural do Cristo 2021 coa lectura do pregón na carpa instalada no campo da festa. E ese será tamén o punto no que actuará o Día do Cristo, martes 14 de setembro, un dos grupos galegos de moda: Tanxugueiras.

O Barco recibirá a partir das 21 horas ás cantareiras do século XXI cuxo directo é pura enerxía e potencia. As voces de Aida, Olaia e Sabela ligan en harmonía, naturalidade e mestría alalás, músicas e letras. Con ou sen pandeiretas, o seu son expándense alén do escenario para transformar o recital nunha festa, cun repertorio que se move entre pezas íntimas e de corte tradicional con himnos que abandeiran causas.

Neste 2021, as cantareiras libéranse de prexuízos para consolidar a identidade dun grupo que explora con curiosidade a fusión da tradición con sonoridades urbanas e modernas. O seu último sinxelo, Midas, con influencias de sons próximos ao trap ou á electrónica, pon o foco sobre unhas artistas audaces, chamadas a levar os ritmos e a enerxía da terra por escenarios de todo o mundo. 

Pero e outro tema, Figa, o que se impuxo na “Elección Interna 2022”, unha enquisa anual entre os socios e lectores do portal Eurovisión-Spain.com, convertendo á banda de folk galego na favorita dos fans de Eurovisión para representar a España na vindeira edición de 2022.

Toda a información sobre a programación do Cristo 2021 no Barco de Valdeorras, no especial en papel do Periódico O SIl de setembro.

Artigos relacionados

Back to top button