ConcellosO BarcoÚltima hora

‘Tardes cheas de vida’ no Barco de Valdeorras, un proxecto en favor da inclusión social

Froito da colaboración entre MATRIA e IGAXES, o primeiro obradoiro tiña lugar con motivo do 8M

Tardes cheas de vida no Barco./ Foto cedida.

 

Co gaio do Día da Muller nacen as ‘Tardes cheas de vida, unha iniciativa de MATRIA e IGAXES que pon os coidados e os autocoidados no centro. Durante todo o mes de marzo as asociacións valdeorresas poderán facer unha reserva para asistir a un obradoiro gratuíto. “As ‘Tardes cheas de vida’ melloran a convivencia familiar, buscan un espazo de coñecemento, autocoñecemento e autocoidado e facilitan a integración social”, asegura Laura Fernández dende MATRIA.

Durante os obradoiros, ademais de crear un espazo seguro e de confianza, as e os participantes conectarán coas súas emocións e confeccionarán un corazón para comezar a confiar na súa intuición e reservar o seu espazo na casa, “a través dun símbolo sinxelo que nos axuda a lembrar ás familias a importancia de pensar en nós e poñer límites”, apunta Laura, coach e co-creadora do programa MATRIA xunto á súa nai, Elvira Fernández.

 

Cos corazóns de MATRIA./ Foto cedida.

 

As participantes do obradoiro do mércores 8 de marzo recoñeceron “sentirse máis tranquilas e destacaron a orixinalidade da actividade así coma o valor de axudar á xente nova a superar retos persoais e profesionais simplemente compartindo unha tarde xuntas”.

A partir do mes de abril, as ‘Tardes cheas de vida’ abriranse tamén aos/ás peregrinos/as do Camiño de Inverno para darlles a benvida a Galicia e facelos partícipes das iniciativas lideradas por mulleres rurais na comarca. As reservas poden facerse a través do Instagram @matria.cheas.de.vida.

 

Primeiro obradoido das Tardes cheas de vida./ Foto cedida.

 

Data: de luns a venres no mes de marzo, a escoller en función da dispoñibilidade
Horario: De 17:30 a 19:30 horas.
Aforo: 10 (nais con fill@s benvidas).
Lugar: Galerías a carón da Pza. Andrés de Prada, local 7.  O Barco de Valdeorras.

Artigos relacionados

Back to top button