Inaugurado en 1992 en San Cibrao das Viñas, en Ourense, Tecnópole desenvolve diversos proxectos e promove actividades e será un dos homenaxeados na “XII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” que se celebrará a finais de novembro en Santiago.
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de outorgarlle o Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino da “XII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” pola súa aposta pola divulgación científica entre os máis novos, co fin de espertar vocacións e incentivar o seu espírito emprendedor.
Galiciencia é a maior feira científica que se celebra en Galicia desde 2006, co obxecto de achegar a ciencia á sociedade. Organízase un certame científico para estudantes de Primaria, Secundaria, Bacharelato, como punto de encontro para rapaces e rapazas de todas as idades con ideas innovadoras e con ganas de mostralas ao público nos stands que a Tecnópole pon á súa disposición durante tres días no mes de maio.

Tamén para achegar a ciencia e a tecnoloxía á mocidade, pero desde unha óptica artística e creativa, Tecnópole ten o programa STEAM Kids Tecnópole para escolares de 8 e 11 anos. E nesta liña, tamén dispón das Aulas Tecnópole, pensadas para espertar vocacións científicas e incentivar o espírito emprendedor entre o alumnado de 12 a 18 anos. Nestas actividades, os participantes realizan investigacións, constrúen robots programables, voan drons e deseñan instalacións artísticas.
E como actividade innovadora neste ano marcado pola covid-19, a Tecnópole convocou este verán o primeiro campamento tecnolóxico online de Galicia, en colaboración coa Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia. O T2 W –Tecnópole Technological Workshops–, que ata esta oitava edición fora presencial, destínase a mozos e mozas de toda Galicia de entre 12 a 18 anos.
A gala máis importante da informática en Galicia modificou a súa data de celebración debido ás últimas restricións anunciadas pola Xunta de Galicia, pasando do 30 de outubro ao 27 de novembro, cando finalmente será o acto no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela. Este ano celebrarase un encontro presencial e virtual que reunirá ás empresas máis destacadas do sector TIC en Galicia. Os premios da Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática.