EconomíaEconomíaÚltima horaVídeos

Traballadores de Iberdrola mobilízanse na Rúa “contra a perda de poder adquisitivo e polo mantemento do emprego”

 

“Se sobe o IPC o salario tamén”; “Iberdrola escoita, estamos en loita”; non é unha trola Iberdrola nos rouba”… Son algunhas das consignas que se escoitaban na mañá deste venres 6 de xuño diante da sede de Iberdrola, na Rúa, onde se concentraban traballadores desta empresa.

Coincidindo coa xornada de folga a nivel estatal convocada por CC.OO. UXT e ELA, no marco da negociación do IX Convenio Colectivo de Iberdrola, a primeira protesta destas características na eléctrica, a CIG convocaba a concentración para “reclamar a recuperación do poder adquisitivo vinculado á revisión salarial ao IPC e polo mantemento do emprego”.

 

 

Dende a central sindical denuncian que “o persoal de Iberdrola segue a perder poder adquisito (un 16% en catro anos) mentres os beneficios empresariais baten récords anuais (40% neste mesmo período) e os dirixente, directivos e accionistas continúan a enriquecerse a pasos axigantados”.

“A compañía négase a actualizar os salarios, como mínimo conforme ao IPC real, e a reducir a xornada laboral a 35 horas semanais, dúas das principais reivindicacións da parte social durante a actual negociación do convenio colectivo”, aseguran.

 

 

A isto súmase a “deslocalización que estamos a sufrir en Galicia”, di o delegado da CIG Francisco Puch, lembrando “como hai pouco se levaron o centro de operacións da conca cos conseguintes postos de traballo. Para nós está a contaminación e o espolio mentres que os cartos e os postos de traballo lévanos para fóra”, di, destacando que piden “postos de traballo dignos na nosa terra, cunha suba de salarios acorde ao beneficio da empresa”.

Dende a CIG aseguran que a práctica totalidade do persoal operario galego de Iberdrola secundou hoxe a folga. “Iberdrola conta en Galiza con arredor de 250 persoas traballadoras, das que unicamente optaron por non sumarse ao paro as integrantes do equipo técnico. O seguimento por parte do persoal operario foi practicamente total”, din.

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button