Un ano máis e xa van 24, a localidade vianesa de Punxeiro celebraba na xornada do sábado 17 de agosto, o seu campionato de bolos por parellas. Unha tradición popular galega posta en valor por Luis Herrera, cuxa memoria honran en cada edición dende o Club de Bolos Punxeiro, cos fillos de Luis (Alejandro e Mónica) á cabeza.
Esta edición non foi unha excepción e coma sempre, reunía a 32 parellas de boleadores de diferentes idades e procedentes de clubs das provincias de Pontevedra, León e por suposto Ourense (Froxais, Quintela de Edroso e O Bolo, ademais dos anfitrións do Club de Bolos Punxeiro). Entre eles estaba coma sempre o presidente da Federación Galega de Bolos e vicepresidente da española, Isidro Costas, firme defensor do bolo tradicional.
Pola mañá disputaban as rondas clasificatorias e xa pola tarde a competición propiamente dita coas parellas distribuídas segundo a puntuación na ronda previa, nos campos A, B e C, os tres cos que conta o pobo. Había boleadores sénior, mulleres e tamén cativos.
E entre unha e outra fase, degustaban o tradicional xantar no interior do local social. A entrega de premios (xamóns, paletas e chourizos) tiña lugar xa entrada a noitiña.
Fotos: O SIL.
Máis información na vindeira edición de O SIL Deportvo.