OurenseÚltima hora

Tres alumnos de centros educativos de Ourense, entre os mellores da XLII Olimpíada Galega de Química

 

Tres alumnos que cursan os seus estudos en centros educativos da cidade de Ourense figuran entre os mellores da XLII Olimpíada Galega de Química da demarcación da Universidade de Vigo. Un deles é o gañador. Trátase de Iván García Pérez, que cursa estudos no IES Eduardo Blanco Amor de Ourense. O cuarto lugar nesta proba académica foi para Martín Fernández Carballo, do IES Otero Pedrayo de Ourense. Neste mesmo centro tamén cursa estudos Álvaro Castro Gallego, que obtivo o sexto posto.

A Olimpíada de Química Galega, que pretende fomentar vocacións e desenvolver o espírito emprendedor entre os máis novos, é decana destas probas en España e xerme da Olimpíada Nacional de Química. Os alumnos clasificados nos tres primeiros postos por cada un dos distritos universitarios (A Coruña, Santiago e Vigo) recibirán un galardón e diploma acreditativo. Ademais, todos os participantes recibirán un diploma de participación, como é costume.

Os mellores tres de cada demarcación universitaria participarán na XXXVIII Olimpíada Española de Química, que este ano terá como sede da Universidade de Córdoba, do 25 ao 27 de abril de 2025. “Será unha nova oportunidade para mostrar o talento científico-químico das novas xeracións do alumnado galego que estuda bacharelato nos centros educativos de Galicia e que pronto se incorporarán á Universidade”, destaca Manuel Rodríguez Méndez, presidente da Asociación de Químicos de Galicia e decano do Colexio Oficial de Químicos de Galicia, entidades organizadoras desta proba académica.

A Coruña, Lugo, Santiago, Ourense e Vigo acollían simultaneamente o pasado 14 de marzo as probas da XLII Olimpíada Galega de Química, nas que participaron 188 alumnas e alumnos procedentes de 35 centros educativos de toda Galicia. A proba seguiu os Deseños Curriculares de Bacharelato de Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button