Tras o tráxico accidente de tráfico no que esta mañá falecía unha veciña de Valdeorras, o Concello da Rúa emitía unha resolución na que “como testemuña de dor desta Corporación e do pobo da Rúa”, xa que esa persoa tiña unha especial vinculación do municipio, “decrétanse tres días de loito oficial, dende hoxe xoves 25 de maio a ata as 24h. do sábado, 27 de maio”.
Ademais acordábase suspender calquera acto oficial organizado pola Corporación en tales xornadas e dispoñer “a celebración de 3 minutos de silencio en memoria da falecida o día 25 de maio ás 20h. na praza do Concello”.
Nesa mesma resolución exprésanse as condolencias do Concello e da veciñanza da Rúa, así como “a súa solidariedade á familia e achegados da falecida, así como aos familiares da outra vítima mortal do accidente”.
Suspensión actos de campaña
Ademais os diferentes partidos políticos da Rúa anunciaban a suspensión dos actos de campaña en sinal de respecto. Tamén dende o PSdeG-PSOE do Barco, localidade na que residía a persoa falecida, anunciábase a suspensión dos actos electorais que incluían un mitin este venres.
O candidato á alcaldía, Alfredo García, considera que nestes momentos a campaña perde toda a importancia, “e o que toca é mostrar a nosa solidariedade coa familia da falecida, veciña da localidade”. O accidente “pudo ter consecuencias moito máis graves”, comenta García, ao estar implicado outro vehículo no que viaxaba unha familia residente no Barco, aínda que ningún deles sufriu danos de gravidade.
Do mesmo xeito o PP do Barco anunciaba a “suspensión da campaña, é un accidente grave e os acontecementos obrígannos, o importante é amosar o noso respecto e compromiso coa familia da persoa falecida e tamén cos feridos”, sinala o cabeza de lista do PP barquense, Manuel Núñez “Noli”. Do mesmo xeito, o BNG suspendía os actos de campaña no Barco “en sinal de dó polas vítimas do accidente de tráfico de Vilamartín”, tal e como indicaba o candidato á alcaldía, Suso Vilasánchez.
Do mesmo xeito, o PSdeG-PSOE de Petín comunicaba que se suspende o mitin previsto para mañá no Tele-Club.