EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Tres distincións para Valdeorras na Cata dos Viños de Galicia

 

A XXXIII Cata de Viños de Galicia 2021, XXIII Cata de Augardentes de Galicia e X Cata dos Licores Tradicionais de Galicia, facía entrega dos seus premios este mércores en Sergude (A Coruña). O galardón de mellor viño tinto de Galicia nesta edición correspondíalle ao Prómine Singular de Adegas Petrón, da D.O. Ribeira Sacra; mentres que galardón de mellor branco galego era para Pazo de Rubianes da D.O. Rías Baixas.

No caso de Valdeorras foron distinguidos co Acio de Ouro e co Acio de Prata (as dúas máximas distincións) na categoría de mellores viños tintos elaborados con madeira en Galicia. En concreto, o ouro foi para a referencia Bancales da adega Roandi e a prata para a referencia Domus, da mesma adega.

Para o presidente do Consello Regulador da D.O Valdeorras, José Luis García Pando, “conseguir estes premios foi toda unha sorpresa, porque normalmente os mellores viños elaborados con madeira elaborábanse noutros territorios amparados”. Para García Pando, esta distinción supón “un recoñecemento a un xeito de facer” que pode “seguir dando moitas alegrías á nosa Denominación de Orixe”.

Tamén nos Premios da Cata dos Viños, Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia foi distinguido co Acio de Ouro ao mellor branco de Valdeorras a referencia A Coroa Godello da Adega A Coroa S.A.T.

No decurso deste acto de entrega de premios, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, avanzaba que na vindeira semana vaise presentar a nova Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas para afondar na calidade e a venda e garantir a remuda xeracional.  “Estamos a falar dunha iniciativa conxunta do sector, a Xunta e a Fundación Juana de Vega, dotada con máis de 700.000 euros”, engadiu, subliñando que o goberno galego seguirá traballando con esta industria, achegando ferramentas que consoliden o seu crecemento.

Ao longo da súa intervención, o titular do Executivo autonómico reivindicou a fortaleza do sector da viticultura, formado por máis de 10.000 viticultores e preto de 500 adegas, e que achega un valor económico superior aos 230 millóns de euros ao ano.

O presidente da Xunta concluíu cunhas palabras de recoñecemento á traxectoria de Waldo Carreiras Albo, impulsor destas catas.

Listado de premios desta edición da Cata de Galicia

 

 

Artigos relacionados

Back to top button