CD ArenteiroDeportesFútbolÚltima hora

Tres positivos de Covid-19 no plantel obrigan ao CD Arenteiro a suspender os adestramentos

Ante esta situación aprázase o partido do domingo ante o Arousa

 

Malas novas para o CD Arenteiro que compite en terceira división. Na tarde deste xoves 7 de xaneiro, dende o club do Carballiño emitían un comunicado oficial informando dos tres positivos de Covid-19 detectados nos test obrigatorios aos que era sometido o plantel. “Nese momento foi activado o protocolo establecido suspendendo os adestramentos de forma automática”, explican dende o Arenteiro.

Ante esta situación, “dase por feito que, alomenos, o partido contra o Arousa SC previsto para esta fin de semana será aprazado”, adiantan dende o club , asegurando que os positivos foron comunicados ao Concello do Carballiño “e decidiuse entre ambas partes que se aplace a volta á actividade, despois do parón vacacional, da Escola Municipal de Fútbol ata o luns 11 de xaneiro”, adicando estes días á previa desinfección integral das instalacións da Uceira.

Dende o Ourense CF tamén informa dun positivo detectado “en vacacións e sen contacto co equipo polo que non impide a celebración de adestramentos nin partidos”, aseguran.

O presidente do CD Barco Nilo Ramos, pola súa banda, publicaba en redes sociais os negativos de todo o plantel, dispostos pois a iniciar a segunda volta da liga este domingo en casa contra o Estradense.

Artigos relacionados

Back to top button