DeportesÚltima hora

Trevinca á luz da lúa chea, na marcha “Entre Lobos e Estrelas”

A novena edición deste percorrido pola alta montaña galega terá lugar na noite do 21 ao 22 de xullo
Imaxe da pasada edición da marcha “Entre Lobos e Estrelas” por Trevinca./ Foto cedida.

Serán case 27 km, con continuos desniveis pero que permitirán gozar dunha espectacular paisaxe nocturna do teito de Galicia: Pena Trevinca (2.127m). A súa novena edición da marcha nocturna “Entre Lobos e Estrelas”, organizada polo Club de Montañismo Montañas de Trevinca, está prevista para noite do 21 ao 22 de xullo, cun percorrido que pasará polo Crestón do Lombo do Rocín, o Val do Tera ata concluír nas lagoas glaciares de Yeguas e Peces.

Estímase que o traxecto durará unhas nove horas. Por iso, dende a organización “non se aconsella a inscrición neste actividade a todas as persoas que non reúnan unhas boas/normais condicións físicas e as características necesarias para soportar un percorrido por montaña con importantes desniveis”.

A marcha comezará á medianoite dende Vilanova (A Veiga) e constará de seis etapas. A actividade contará cunhas 40 prazas e as persoas interesadas poderán inscribirse no correo club@montanasdetrevinca.es ou no teléfono 616 54 69 72. O custe da inscrición é de 15 euros. Na organización desta actividade o C.M. Montañas de Trevinca contará coa colaboración do Concello da Veiga e de Trevihost.

Artigos relacionados

Back to top button