OurenseÚltima hora

Trinta nenos da provincia instalan niños de paxaro no encoro de Cachamuíña, no Pereiro de Aguiar

A actividade estivo coordinada polo Club Asociación de Escaladores Ourensáns

 

O domingo 16 de outubro, un grupo de trinta nenos e vinte adultos emprendía unha ruta moi especial polas inmediacións do encoro de Cachamuíña, no Pereiro de Aguiar. A xornada tiña como obxectivo instalar trinta niños que Husqvarna, a través do seu distribuidor oficial en España, o Grupo Internaco, doou ao Club Asociación de Escaladores Ourensáns (ASESOU) “para que máis paxaros poidan aniñar esta estación”, din dende o club.

A xornada contou coa presenza do alcalde de Pereiro de Aguiar, Luís Menor, que acompañou ao grupo durante o percorrido para a instalación dos novos niños e o reacondicionamento e limpeza dos instalados en 2020 polo club.

 

 

O broche á mañá, marcada pola sorpresa dos participantes ante o éxito de ocupación dos niños xa existentes por diferentes especies, poñíao un ameno xantar nun merendeiro cercano ao curso do río, na que “os máis pequenos compartiron as súas fazañas da xornada tras unha ruta polos  Muíños de Loña”, contan dende ASESOU, explicando que nestas actividades que organizan “participan de forma habitual entre 50 e 70 persoas, co obxectivo de preservar a flora e fauna autóctona ademais de contribuír á concienciación das novas xeracións sobre a importancia de coidar o ecosistema”.

Neste sentido, Internaco e Husqvarna quixeron participar nesta acción no seu afán por promover o respecto e a conservación do medio natural. Así mesmo, a súa actividade busca “achegar ás persoas á natureza a través da creación de espazos verdes, para que estas poidan prosperar mentres minimizan o impacto na terra, a auga e o aire”. Co seu Sustainovation Hub Forest & Garden, un laboratorio de innovación especializado na actividade en bosque e xardín enmarcado nas súas políticas de I+D e RSC, o Grupo Internaco promove a sustentabilidade.

Artigos relacionados

Back to top button