ConcellosTrivesÚltima hora

Trives acollerá este verán a exposición “Nós tamén fomos emigrantes”

ABANCA, Afundación e o Concello trivés veñen de asinar un convenio de colaboración cultural

Sinatura do convenio entre o Concello de Trives, ABANCA e Afundación.

 

Na mañá deste venres 25 de xuño o Concello da Pobra de Trives asinaba con ABANCA e  Afundación, un convenio de colaboración cultural mediante o cal as tres entidades levarán a cabo a exposición “Nós tamén fomos emigrantes. Fotografías da Axencia EFE sobre a emigración española no século XX”.

Esta colaboración forma parte do proxecto Corrente cultural, que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo a través do cal Afundación, a Obra Social de ABANCA, “impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística máis aló das súas sedes e trasladándoa ás localidades galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade”.

 

 

A exposición consiste nunha selección de corenta fotografas da emigración, tanto española como galega, procedentes dos arquivos da Axencia EFE, cuxo obxectivo é “tratar de achegarnos a esa realidade histórica a través dunha síntese fotográfica das migracións mediante a mirada profesional e humana dos fotoperiodistas da época”, explican dende Afundación. É a historia de “millóns de españois que tiveron que abandonar a súa terra para sobrevivir”, asegura Miguel Ángel Gozalo, director da Axencia EFE entre 1996 e 2004.

Á sinatura asistían Cristina Paz Elías, concelleira de Servizos Sociais, Igualdade, Sanidade e Educación e Cultura do Concello da Pobra de Trives; Diego Daniel Fernández Borrajo, director zona Leste Ourense de ABANCA; Mateo Alonso San Román, coordinador institucional de ABANCA en Ourense; e Beatriz Fernández-Anguiano, coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo.

Artigos relacionados

Back to top button