En portadaÚltima hora

Trives pon en marcha o “Plan Madrugadores” nun espazo seguro fronte ao Covid

Ademais, neste curso cambia o punto establecido para as chegadas e saídas do transporte escolar do colexio trivés

Publicidade

 

Dende o Concello da Pobra de Trives teñen xa todo preparado para a posta en marcha mañá, 10 de setembro, do “Plan Madrugadores” co inicio do curso escolar. Este programa desenvólvese nunhas instalacións situadas no mesmo recinto do colexio, incluirá nesta ocasión a aplicación dunha serie de estritas medidas de seguridade fronte ao Covid.

Esta iniciativa, que aposta pola conciliación de nais e pais no horario previo ao inicio das clases no colexio, ten un carácter gratuíto e está promovido dende o Concello de Trives en colaboración coa Deputación de Ourense.

 

 

“Os cativos, que son de diferentes idades, disporán de espazos individuais de 5 metros cadrados (compartidos no caso de irmáns e incrementando así a distancia recomendada pola Xunta), xogos individuais nun espazo seguro con todas as medidas de prevención contra o COVID-19. Con desinfección de calzado previo ao acceso á aula nunha alfombrilla desinfectante, medición de temperatura, desinfección de mans e ventilación”, explica a alcaldesa de Trives, Patricia Barja.

 

 

Ademais, estableceuse un circuíto de entrada á aula para os nenos con marcadores de distancia en sentido vermello para entrar e con marcadores de cor azul para saír da aula e dirección ao colexio. A cada pai ou nai, que non poderán entrar á instalación, entregaráselles o protocolo de seguridade e a folla de inscrición.

Cambio no lugar de acceso ao transporte escolar

Neste curso tamén se modifica o lugar onde os alumnos accederán ao transporte escolar (tanto na chegada como na saída), que xa está sinalizado en amarelo para evitar que aparque ningún outro vehículo.

“A entrada e saída do transporte escolar será a partir de agora por este acceso segundo as indicacións de tráfico, xa que onde se realizaba antes había un maior risco de atropelo”, explica a alcaldesa de Trives.

Fotos cedidas.

 

Nova zona habilitada para as chegadas e saídas do transporte escolar ao colexio trivés./ Foto cedida.

Artigos relacionados

Back to top button