ConcellosTrivesÚltima hora

Trives traballa na mellora da seguridade viaria nos accesos á vila con semáforos e pasos de peóns elevados

 

A seguridade viaria mellorará en Trives de forma considerable nos accesos ao municipio e no propio casco urbano. Así o destacan dende o grupo de goberno municipal trivés que vén de facer público que os “axentes da Policía Local elaboraron un informe no que se solicita a instalación de nova sinalización en diferentes puntos da estrada OU-536 en ambos sentidos”.

Máis en concreto, no informe proponse a instalación de dous sinais verticais que alerten do paso de gando no cruce do punto quilométrico 68+990 e no que existe o risco de que os animais invadan a vía. Tamén se adianta dende o Concello que no punto quilométrico 70+000 colocarase un semáforo en ámbar e un paso de peóns elevado e iluminación viaria co fin de garantir a seguridade. Ao longo deste mesmo punto, no casco urbano, mellorarase a iluminación en outros sete pasos de peóns e elevarase no 70+220. Tamén se colocarán balizas cilíndricas. Ademais, no punto quilométrico 70+890 en sentido entrada a Trives en dirección Ourense, preténdese un semáforo en ámbar, así como o paso peonil elevado e a iluminación sobre a calzada.

A nova sinalización proposta para mellorar a seguridade viaria no concello constará de dous semáforos con fase ámbar intermitente –nunca ata o momento houbera este tipo de sinais luminosas-, dous pasos de peóns elevados, oito pasos de peóns con iluminación led sobre a calzada e na sinalización vertical, catro balizas cilíndricas e dous sinais de alerta sobre o paso de gando.

O informe da Policía Local, co que se pretende mellorar a seguridade de peóns e condutores, elabórase un mes despois de que o goberno local recuperase “un servizo que se atopou en precario e incluso en perigo de desaparición. Ata ese momento non contaba con ningún axente debido a xubilación do único que había, e en febreiro incorporouse a dous que remataron as súas prácticas e firmaron a súa acta de toma de posesión. Non só se recuperou o servizo, senón que ademais se reforza coa suma dun policía máis dos que había cando o actual goberno tomou posesión”, din dende o equipo de goberno trivés.

Artigos relacionados

Back to top button