CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Trives únese á celebración do Día da Restauración da Memoria Lingüística

No mediodía do 27 de outubro tiña lugar no cemiterio municipal un acto con diversas intervencións, música, lecturas de poesía e a descuberta dunha placa

“Como un xeito de amosarlle a gratitude a cantos fixeron posible que Galicia siga a ter cultura e lingua de seu, transmitíndonos un legado cultural que nós lle debemos transmitir a outras xeracións que nos sucedan” celebraba o Concello de Trives o Día da Restauración da Memoria Lingüística. E facíao cun acto que se desenvolvía no mediodía do 27 de outubro no cemiterio municipal coa presenza de numerosas persoas.

A celebración comezaba cun preámbulo musical da man da Banda de Gaitas trivesa Os Trintas. A continuación tomaban a palabra Xosé González e Carme Pérez Vaquero, da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística; Xosé Luis Cid, ex decano da Facultade de Pedagoxía e organizador das xornadas dedicadas a Manuel Acuña. A Real Academia Galega tamén quixo estar presente no acto e facíao a través do seu académico Xosé Luis Franco Grande. O acto pechábase cunha serie de lecturas e discursos e coa intervención do alcalde da Pobra de Trives, Domingo Diéguez.

Tampouco faltou un bloque de recitado de varios poemas leídos e interpretados por veciños e veciñas, no que se fixo unha pequena homenaxe ao escritor trivés Manuel Acuña, coa lectura dos seus versos. Deseguido actuaba o Orfeón Trivés, interpretando “Meu amor é mariñeiro”.

Finalmente descubríase na entrada do cemiterio trives unha placa adicada á “memoria de todos e todas os que aquí xacen, porque grazas a eles e elas Galicia segue a ter cultura e lingua de seu” mentres a Banda de Gaitas interpretaba o himno galego. Ademais os veciños puideron asinar a acta de vontades e mesmo recoller a súa propia acta persoal asinada por Domingo Diéguez e Xosé Luis Franco Grande.

“Adherímonos así á celebración deste día, que xa se vén conmemorando dende hai anos por estas datas, co gallo de manter viva a nosa cultura e recordándovos que o galego tamén debe estar presente nos nosos cemiterios. Mirando as estatísticas sorprende ver que actualmente só unha de cada mil lápidas está escrita no idioma da persoa que alí repousa e tan só un 2 por cento das esquelas se publican en galego. Ademais é un acto moi significativo, xa que como galegofalantes que somos moitos de nós debemos axudar a que a lingua galega abranga todos os eidos da existencia dos galegos e galegas acompañándonos ata na hora do noso pasamento”, indican dende o Concello de Trives.

Fotos: Concello da Pobra de Trives.

Artigos relacionados

Back to top button