ConcellosMonterreiÚltima hora

Turismo de Galicia investirá 14,4 millóns de euros na rehabilitación da Fortaleza de Monterrei

A actuación está enmarcada no Plan Xacobeo Next Generation, no que están incluídos a posta en valor de 12 BICs do Camiño de Santiago, aos que se dedican 22,7 M€

Imaxe da fortaleza de Monterrei./ Foto: A.R.

 

Turismo de Galicia vén de publicar na plataforma de Contratos de Galicia a licitación para a obra de rehabilitación do recinto fortificado de Monterrei, cun orzamento de 14.493.054€. Levaranse a cabo actuacións sobre o edificio da casa cuartel, coa recuperación integral da edificación; ademais no entorno da praza do mercado e antigo Concello e nas construcións adxacentes, nas edificacións da porta norte que corresponden á torre da cárcere e os dous corpos de garda. Tamén se levarán a cabo mellloras na entrada ao recinto, no paseo de Ronda e na construción do novo edificio de recepción de visitantes.

Ademais desta dotación prevista para a licitación da obra, leváronse xa a cabo unha serie de actuacións previas tales como intervencións arqueolóxicas, estudos históricos, etnográficos e topográficos, así como estudos de mobilidade e estudos documentais, que supuxeron un investimento previo de mais de medio millón de euros.

“A Xunta de Galicia ten como obxectivo conservar os bens de interese cultural e permitir que poidan seguir sendo desfrutados polas xeracións futuras. Preténdese diversificar a oferta e desenvolver recursos turísticos, centrándose de xeito especial no investimento en zonas de menor densidade de poboación. Deste xeito, búscase a consolidación da poboación en zonas máis despoboadas e preténdese impulsar turisticamente esas poboacións e as súas comarcas”, explican dende a Administración galega.

A actuación está enmarcada no Plan Xacobeo Next Generation, no que están incluídos a posta en valor de 12 BICs do Camiño de Santiago, aos que se dedican 22,7 millóns de euros co obxectivo de conservar os bens de interese cultural e permitir que poidan seguir sendo desfrutados polas xeracións futuras. A Fortaleza de Monterrei é a que conta co máximo investimento nestes bens de interese cultural.

Este financiamento permitirá poñer en valor o patrimonio histórico ao longo dos Camiños de Santiago a través da súa rehabilitación e incluíndo melloras de sustentabilidade, accesibilidade e eficiencia enerxética, así como medidas coas que impulsar a modernización ou dixitalización destes espazos.

Artigos relacionados

Back to top button