OurenseÚltima hora

Un 24 de maio cargado de actividades para os Ecovixiantes de Franciscanas

Alumnos de 1º e 2º da ESO do Divina Pastora de Ourense celebraron os seis anos da Encíclica Laudato Si do Papa Francisco

 

A Encíclica Laudato Si do Papa Francisco céntrase no planeta Terra como “lugar no que viven as persoas, defendendo a natureza, a vida animal e as reformas enerxéticas nos seis capítulos , con subtítulo “Sobre o coidado da casa común”, e os Ecovixiantes de Franciscanas (alumnos de 1º ESO A e 2º ESO A), celebraron o sexto aniversario cun 24 de maio cargado de actividades.

Comezaron o día embotellando cheas de pilas e de tapóns no Punto de Recollida no propio centro educativo, que posteriormente o profesor Lalo Sánchez, levou unha xornada máis a Albarellos de Monterrey. En torno ao mediodía, e promovido pola Pastoral do centro educativo tiña lugar o prato forte do día, a Andaina Solidaria LADESOL (Lazos de Solidariedade), da ONG do colexio, que propuxo quilómetros por Boavista, en Brasil, onde as Nais Franciscanas exercen o seu labor humanitario.

Acompañados por Pilar Corbal, Jaime Álvarez e Lalo Sánchez, o alumnado completou os 4 quilómetros ata o Conxunto Arqueolóxico-Natural de Santomé, unha das xoias da cidade de Ourense e arredores onde visitaron restos de época castrexa e romana nunha zona de alto valor cultural, por un camiño empedrado de orixe medieval, nunha contorna próxima ao río Loña, rodeada de carballos mediterráneos, sobreiras, aciñeiras, piñeiros mansos e madroños. “Unha xornada moi vistosa onde todos/as levaban a súa camiseta verde solidaria, que aproveitaron para limpar todo o traxecto de plásticos e botellas que atoparon”, aseguran dende o colexio.

 

 

Cabichas e Goles

Dous días máis tarde, continuando coas súas accións ambientais, os Ecovixiantes desprazábanse ata a Pista Vermella para levar a cabo a actividade “Cabichas e Goles”. A vintena de participantes recolleu miles de cabichas que afean as rúas da cidade mentres outra brigada afanábase en deixar en contedores e papeleiras aquilo que non o estaba.

Por último, disputaban un encontro entretido e disputado onde o Sporting Sogama impúxose con claridade e goles de Arturo, Alejandro e Angelito (3) a un Atlético Pilabot onde o solitario gol do profesor Lalo non lles chegou para igualar (1). “Pero iso foi o de menos, porque gañou a Economía Circular”, asegura Lalo, agradecendo a colaboración de Ecourense e o Programa Stars España.

Artigos relacionados

Back to top button