
Víctor Reza Sánchez, alumno de 2º do Ciclo Superior de Dirección de Cociña no IES Vilamarín, lograba facerse coa da medalla de ouro no Galiciaskills 2014, o campionato galego da formación profesional que se celebra cada dous anos. Este resultado permitiralle asemade representar a Galicia nos Spainskills de cociña, que se celebrará no próximo mes de abril do 2015. As medallas de ouro deste campionato español participarán posteriormente no campionato internacional Worldskills e no europeo Euroskills. Spainskills e Worldskills celébrase no mesmo ano, nos impares, e Euroskills nos anos pares.
Este estudante do instituto ourensán (que estivo acompañado pola súa titora do centro, Mónica Cernadas Carrera) proclamábase campión galego nun acto celebrado na mañá do 9 de novembro no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela, despois de superar en destrezas ao alumnado representante do resto dos centros de hostalería de Galicia.

A escola de hostalería de Vilamarín, a única da provincia de Ourense, xa ten sentado precedentes neste campionato, dado que no I Campionato Galego de Formación Profesional, Galiciaskills 2010 o alumno do ciclo de Servizo de restaurante e bar, Guillermo González Gómez xa obtivo a medalla de ouro neste ámbito, sendo tamén medalla de ouro na Olimpíada Nacional de Formación Profesional, Spainskills 2011 e representante de España no Euroskills 2012, onde resultou gañador da medalla de prata na Skill Servizo de restaurante e bar neste Campionato Europeo de Formación Profesional.