DeportesNataciónÚltima horaVídeos

Un animado e concorrido Madrugón, a mellor forma de comezar o Día do Cristo no Barco

 

Quen dixo frío? E sono? Ningunha das dúas cousas parecían sentir os preto de 60 participantes na 30º edición do Madrugón que na mañá deste sábado 14 de setembro abría o Día do Cristo no Barco de Valdeorras como cada ano salvando os da pandemia.

 

 

Un numeroso grupo de valentes homes, mulleres e moitos xoves e nenos que baixaban a nado polas frías augas do Sil dende a Capitana ata o Malecón. Unha tradición e un dos sinais de identidade das festas grandes do Barco, que nacía no ano 1992 e dende entón, en maior ou menor medida, con máis ou menos nadadores, mantense viva. É unha actividade lúdica na que os participantes desfrutan. Todo é moi rápido e completan os escasos 300 metros de distancia baixo a atenta ollada dos membros de Protección Civil, GES Valdeorras e Policía Local do Barco.

 

 

Entre os participantes, coma sempre o concelleiro de Deportes do Barco, Aurentino Alonso, acompañado pola de Cultura Margarida Pizcueta que non nadou pero si deu a saída e entregaba unha toalla aos nadadores conforme ían saíndo da auga.

 

 

E tralo chapuzón festivo, coma sempre o premio máis gratificante é algo quentiño como “caldo da abuela) e un bo chocolate con churros que nesta ocasión foi servido no terceiro andar do Edificio Multiusos, despois da entrega dos premios pola Churrería A General. O máis rápido dos homes adultos foi un ano máis Pablo Israel Rodríguez, que non ten rival nesta cita lúdico-deportiva. A muller máis rápida foi Amparo. Os primeiros menores de 15 anos foron Martina Aller e Lucas del Río e tamén houbo premios para a familia máis numerosa, a dos Careca; para o club con máis nadadores, o Club Natación Valdeorras; para o mellor disfraz, o de Spiderman; e ata para un can, Zeo.

Vídeo da Concelleira do Barco, Margarida Pizcueta, dando a saída do Madrugón:
https://youtube.com/shorts/nSwv7cJGjxE?feature=share

Fotos e vídeos: O SIL excepto as catro últimas da galería que son cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button