En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Un barquense é picado por dúas velutinas

Estas avespas, procedentes dun niño primario que estaba no chan, atacábano mentres desbrozaba preto dun camiño na zona de “O Vieiro” (Viloira)

Na mañá do pasado venres 12 de xullo Avelino Vidal achegábase á súa horta, situada na zona de “O Vieiro” en Viloira (O Barco). “Púxenme cunha batedeiriña a quitar as herbas do camiño e na parte de arriba ao dar varias veces no chan saíron catrou ou cinco avespas e picáronme. Botei a andar e comecei a marearme”, recorda.

Cerca del estaba un veciño a quen chamou para pedirlle axuda. Rapidamente chegou outra persoa e, entre dous, molláronlle a cabeza con auga. “Seguía mareándome e comecei a suar e suar, o meu corpo parecía o río Sil”. Tratou de contactar co 061, pero non non obtivo resposta, así que finalmente chamou polo seu fillo que estaba traballando e que rapidamente veu para levalo a Urxencias, onde foi tratado polas picaduras.

Dous días despois do suceso, Avelino aínda ten a man inflamada e o niño continúa no lugar, que foi precintado pola Policía Local. Malia que se pediu axuda para poder retiralo e evitar que as velutinas piquen a outras persoas, polo de agora segue alí. Avelino agradece de xeito especial a axuda dun apicultor da zona que “a cambio de nada” se ten movido tratando de buscar solucións.

 

Avelino Vidal sinalando o lugar onde foi atacado polas velutinas./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Dende a Asociación Valdeorresa de Apicultores o seu presidente, Armando Rodríguez, amosa a súa preocupación sobre a problemática da velutina, que vai en aumento en Valdeorras e na veciña zona de Montefurado. Agora, ademais de para os apicultores, comeza xa a ser unha ameaza directa para a poboación en xeral.

“O ano pasado xa foi picada outra persoa que estaba traballando en Vilanuiz pero, que saibamos, esta é a primeira vez que as velutinas pican a alguén en Valdeorras. Tivemos a sorte de que estas dúas persoas non son alérxicas, pero en calquera momento pode volver a darse a situación con niños primarios ou secundarios, que poden estar no chan, e que non haxa tanta sorte”. Por iso pide que se extremen as precaucións e que aconsella que os veciños revisen as súas casas e garaxes e que se teña coidado e se tomen medidas ao desbrozar”.

 

Niño primario de velutina no chan, na zona do Vieiro en Viloira (O Barco)./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

“Facemos un chamamento para que vixilen e revisen os saíntes dos tellados, as terrazas, os alpendres, garaxes… Que miren nas zonas recollidas e orientadas cara o sur por se localizan algún niño primario”, comenta. Se é así hai que chamar ao 012 para que se proceda á súa retirada

Armando Rodríguez tamén destaca a estensión da praga da velutina de xeito especial na parte de Montefurado (Quiroga, Lugo), “onde xa collimos máis de 200 raíñas”, e despois na cercana Rúa, onde no que vai de verán xa se destruíron cinco niños e outro está pendente de retirar. “O servizo do 012 non funciona nas fins de semana, así que avisaremos novamente o luns a primeira hora para que o destrúan!, sinala Armando Rodríguez, quen indica que a avespa tamén se ten estendido seguindo o cauce do Bibei.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button