ConcellosEn portadaÚltima horaVilamartín

Un camión sáese da estrada e choca contra o peche dunha finca en Arcos (Vilamartín)

Un dos dous ocupantes quedaba atrapado no interior do vehículo e resultou ferido "con pronóstico grave"

 

Na madrugada deste luns 22 de febreiro producíase un grave accidente no termo municipal de Vilamartín de Valdeorras. En torno ás 05:30 horas o 112 recibía a alerta dun accidente de tráfico con feridos na N-536.

O sinistro producíase no pk 52,200, na localidade de Arcos, onde un camión que transportaba lousa saíase da estrada e colisionaba contra o peche dunha vivenda. No vehículo viaxaban dúas persoas e unha delas quedaba atrapada no interior da cabina tendo que ser excarcelada polos Bombeiros.

Ata o lugar do accidente tamén se desprazaban o GES Valdeorras, voluntarios de Protección Civil de Vilamartín e os axentes da Gardia Civil de Tráfico, certificando que os danos provocados polo choque só afectaron ao peche da casa. De feito, no interior da vivenda, as persoas estaban en bo estado de saúde, segundo informan dende o 112.

Tal como explican dende a Garda Civil, por circunstancias que aínda están pendentes de determinar, “un cable do tendido telefónico, habíase descolgado e seccionou unha parte da cabeza tractora do vehículo articulado, o que provocou a perda do control por parte do condutor, que terminou saíndose da vía pola marxe esquerda, chocando posteriormente contra o peche dunha leira”.

Segundo esas mesmas fontes, o condutor resultou ferido leve (negativo en alcohol e drogas), pero o acompañante “atópase en estado grave, aínda que non se teme pola súa vida, e está a ser atendido no hospital comarcal do Barco de Valdeorras”.

O camión iniciara a ruta a tres quilómetros do punto do sinistro e tiña destino Santander. Unha patrulla do destacamento de motoristas do Barco e un equipo de atestados de Verín están a intervir no lugar dos feitos.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button