Dende hoxe e ata o xoves, un cento de estudantes de Valdeorras, Viana, Trives e Quiroga realizan na Rúa as probas da ABAU (Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade).
A primeira xornada arrancaba no IES Cosme López Rodríguez ás 9 da mañá deste martes 7 de xuño, coa presentación para os 97 estudantes que se examinarán nesta edición de 2022. 52 alumnos acoden desde os institutos do Barco de Valdeorras (30 do IES Lauro Olmo e 22 do IES Martaguisela); 24 dos da Rúa (17 do IES Cosme López Rodríguez e 7 do Pablo V); 5 do IES Xermán Ancochea Quevedo da Pobra de Trives; 9 do IES Carlos Casares de Viana do Bolo; e 7 do IES de Quiroga.
Coma sempre para a realización das probas, o instituto rues habilitou dúas aulas contiguas. Nunha examínanse os alumnos dos dous centros do Barco, os da Pobra de Trives e os do Pablo VI da Rúa; e na outra os do Cosme López da Rúa, os de Viana e os de Quiroga.
Así, con ilusión, certas doses de nerviosismo pero tamén tranquilidade (os de Trives fixeron a espera máis levadeira xogando ás cartas), os xoves afrontan esta primeira xornada na que se examinarán de Historia de España, Lingua Castelá e Literatura II, ámbolos dous exames pola mañá; e de Matemáticas Aplicadas CC.SS, Fundamentos da Arte II, Economía da Empresa e Deseño, xa pola tarde.
Mañá, mércores 8 de xuño, tocaralle o turno aos exames de Lingua e Literatura II, Primeira Lingua Estranxeira II, Matemáticas II, Latín II, Debuxo Técnico II, Artes Escénicas, Segunda Lingua Estranxeira II, Química e Grego II.
E xa o xoves, última xornada da ABAU 2022, será a quenda para os exames de Bioloxía, Historia da Arte, Física, Xeografía, Cultura Audiovisual II, Xeoloxía e Historia da Filosofía.
Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.