OurenseÚltima hora

Un chef ourensán, terceiro clasificado no III Campionato de Tapas e Pinchos de Galicia-Vía da Prata

Paco Gómez do restaurante “A Feira” era un dos galardoados neste certame celebrado no Pazo de Vilamarín

 

O cociñeiro Rubén González do restaurante “El Cafetín” de Pontevedra gañou o III Campionato de Tapas e Pinchos de Galicia-Vía da Prata, celebrado estes días no Pazo de Vilamarín, organizado pola Academia da Tapa e do Pintxo de España co apoio da Deputación de Ourense, a través do Inorde, a Xunta de Galicia e patrocinadores privados. Un evento que reuniu a corenta e cinco cociñeiros galegos que competiron polos primeiros postos deste certame. Por primeira vez celebrouse na Vía da Prata, unha das rutas xacobeas ourensás que conta cun excepcional itinerario natural, gran riqueza patrimonial e gastronómica.

O presidente do Inorde e deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, participou hoxe na entrega de premios onde destacou a capacidade deste certame para exhibir a calidade agroalimentaria de Ourense e de Galicia, en canto “á materia prima dos nosos produtos locais, como á extraordinaria destreza aos fogóns que demostraron os nosos chefs”. Así mesmo, valorou o traballo e esforzo realizado durante estes días por todos os participantes.

A segunda mellor tapa de Galicia foi para Alejandro Martínez e Mar Lago de “BaceLo” de Ferrol, mentres que o terceiro galardón quedou na provincia de Ourense co chef Paco Gómez do restaurante “A Feira”.

 

 

Recoñecementos especiais

Así mesmo, a organización do Campionato premiou a diversidade das propostas gastronómicas presentadas polos cociñeiros outorgando diversos recoñecementos especiais. A mención especial do xurado foi para Samuel Moreno, do restaurante “O Campanario” de Nogueira de Ramuín. Mentres que, a tapa máis innovadora de Galicia é, segundo o xurado, a creación de Diego Hernán Reyna de “Central Park” de A Coruña.

Continuando cos recoñecementos especiais, o premio á tapa maridaxe con cervexa Estrella Galicia Especial foi para Jesús Recouso de “Kozy Café” de Vigo; o premio á tapa máis sostible foi para Beatriz Alcalá de “La Zapatería del abuelo” de Ourense; o premio á tapa máis tradicional foi para Vicente Castro de “Feroz” de Pontevedra; o premio “HITCOOKING” á estética recaeu en Sheila Barbeito de “Roots” de A Coruña; o premio á mellor tapa con marisco foi para Javier Salgado de “La Tula” de Vigo; o premio Pazo Casanova ao mellor maridaxe con Treixadura foi para Adrián Cid de “Auriga Gastrobar” de Ourense; e o premio Ponte da Boga ao mellor maridaxe con mencía foi para Alejnadro Méndez de “Arrocería os cachivaches” de Lugo.

 

Artigos relacionados

Back to top button