CulturaCulturaenBarcArteÚltima hora

Un círculo de lousa mira ao ceo dende a praza do Sagrado do Barco

Esta instalación, obra da artista xeorxiana Sofi Modebadze, forma parte do 2º enBarcArte

 

Escollía a pedra máis vencellada a Valdeorras para recrear o seu vínculo de unión con ela e plasmalo na obra “Espectadores do ceo”, unha das oito instalacións ao aire libre da segunda edición do festival barquense enBarcArte. A artista xeorxiana Sofi Modebadze chegaba a esta comarca tras pasar por multitude de vicisitudes que a obrigaban a deixar o seu país natal xunto á súa familia.

Logo de vivir noutras zonas de Europa e de España, asentábase en Valdeorras, zona á que agora considera o seu fogar. Esa vivencia plásmaa na súa obra con grandes bloques de lousa gris (pintada na súa parte superior con diversos motivos de cor) que forman un enorme círculo.

 

 

“As pedras (proporcionadas pola empresa Proinor) simbolizan a terra, o estable, o sitio onde te arraigas. Estas pedras tamén representan unha actividade industrial moi importante da comarca de Valdeorras e ademais fan referencia dalgún xeito á terra que Sofi se viu obrigada a deixar”, comenta o curador deste 2º Festival de Instalacións Artísticas no contexto urbano no Barco, Jorge Barredo.

 

 

O simbolismo tamén se reflexa na forma circular da composición e nas cores e motivos pintados en cada un dos bloques da mesma. “A unión, a conexión establécese coa súa arte, coas súas pinturas cheas de cor; cunha forma de facer expresiva pero á vez inocente e ata un pouco naif, plasmado todo iso na superficie destes bloques de lousa que ademais forman un círculo como símbolo de unión e de reunión”, engade Barredo.

As instalacións de enBarcArte poderán verse no espazo público barquense ata o vindeiro domingo 29 de setembro.

Fotos: Ángeles Rodríguez.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button