EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Un documental sobre o viño de Valdeorras e do Ribeiro, premiado no Most Festival

"Envino veritas: Galicia del terroir al natural" está dirixido polo antropólogo do IPNA-CSIC Pablo Alonso González

Publicidade
Imaxe do documental “Envino veritas”./ Cedida.

 

A longametraxe “Envino veritas: Galicia del terroir al natural”, dirixida por Pablo Alonso González alzouse co Premio ao Mellor Documental de Most, o Festival Internacional de Cinema do Viño que se clausurou este domingo, 13 de xuño, no Penedés. O galardón concedeuse ex aequo coa obra francesa “Lâme du vin”. O documental galardoado forma parte dunha triloxía sobre o viño en terras galegas que remata con este episodio centrado na emerxencia do movemento de viños biodinámicos e naturais nas rexións históricas do Ribeiro e Valdeorras.

“Envino veritas” apóiase en entrevistas con produtores e expertos que “serven para afondar nos debates máis candentes sobre o viño e o uso de produtos químicos de síntese engadidos tanto no viñedo como na adega”. A triloxía dirixida por Pablo Alonso complétase cos títulos Albariño Rías Baixas: de la tradición al mundo e mais El despertar del vino en Galicia: la vuelta al terroir.

O seu artífice, Pablo Alonso González, é científico titular do Instituto de Produtos Naturais e Agrobioloxía do Consello Superior de Investigacións Científicas (IPNA-CSIC), con sede en Tenerife.

Pablo Alonso ten un doutoramento e un mestrado en Estudos de Patrimonio pola Universidade de Cambridge (Reino Unido) e tamén é doutor en Historia pola Universidade de León. Publicou múltiples libros sobre antropoloxía do patrimonio cultural, arqueoloxía e teoría social e máis de 60 artigos internacionais sobre as devanditas temáticas. A investigación máis recente de Alonso González centrouse na cultura e patrimonio do viño no eixe atlántico, enfocándose en prácticas produtivas, de distribución e de consumo de proximidade, sostibles e naturais. A comezos de xuño foi seleccionado como un dos dez novos académicos de número da Academia Joven de España (AJE).

 

Pablo Alonso e Eva Parga./ Cedida.

 

A sadense Eva Parga Dans, tamén adscrita ao IPNA-CSIC, participa na realización e na idea orixinal do documental. A investigadora galega é licenciada en Socioloxía pola Universidade da Coruña e doutora en Economía Aplicada pola Universidade de Santiago de Compostela.

Artigos relacionados

Back to top button