ConcellosParada de SilÚltima hora

Un grupo de produtores de castaña de Parada de Sil coñece o proxecto da cooperativa lusa Agrofuturo

Participaban nunha viaxe organizada pola Asociación de Propietarios de Soutos deste municipio da Ribeira Sacra

 

Un grupo de propietarios de soutos do municipio de Parada de Sil realizaba onte, 3 de abril, unha viaxe a Carracedo do Monte (Portugal) para coñecer in situ o proxecto da cooperativa Agrofuturo. Esta actividade estaba organizada pola presidenta da Asociación de Propietarios de Soutos de Parada de Sil, Mónica Bizarro.

En Carracedo do Monte eran recibidos pola presidenta da citada cooperativa e tamén por técnicos, que lles explicaban o funcionamento da mesma. Logo desprazábanse a ver unha plantación na que hai máis de dez variedades de castiñeiro, nas que están a estudar o comportamento neste proceso de cambio climático. Tamen puideron ver prácticas de como tratan nesa zona lusa a tinta, visitando a continuación a Ribeira da Fraga, un entrono natural espectacular.

Agrofuturo é unha asociación de produtores de castañas e coordinan a promoción e explotación das mesmas, dándolle un forte pulo á variedade xudía, especialmente estando alí o maior conxunto de castiñeiros desta variedade. Pola tarde, o grupo desprazábase a Valpaço para ver o Museo do Viño, outro produto que xunto coa castaña ten unha forte implantación en Parada de Sil.

A presidenta da Asociación de Propietarios de Soutos de Parada, Mónica Bizarro, amosa a súa satisfacción polo resultado da visita, que serviu para “aprender e animar a veciñanza a que siga a recuperar os soutos e tamén serviu para que varios dos asistentes se fixesen socios, porque a unión fai a forza”.

O Concello de Parada de Sil colaborou coa asociación para facer posible esta viaxe e de feito nela participaba o alcalde, Aquilino Domínguez, tamén propietario de soutos, quen recorda que “dende fai anos o concello está tratando de pór en valor a castaña coa construción dunha nave para a recollida centralizada, que permitiría acadar uns mellores prezos de venta, e mesmo impulsando a derradeira subvención para concellos Reserva da Biosfera con limpeza e desbroce de varias hectáreas en dúas masas de frondosas das que o concello tamén impulsou a declaración como tales en dúas partes distintas do concello, unha delas en Entrambosríos onde está o castiñeiro milenario”.

A castaña, “pese ás das dificultades de avespiña e do chancro ten futuro e haberá que pensar en que o valor engadido que se produce despois da venda en fresco poida quedarse, alomenos nunha parte, no concello”, continúa o rexedor.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button