CulturaCulturaÚltima hora

“Un hotel de primeira sobre o río”, este venres no Teatro Lauro Olmo do Barco

Este espectáculo do Centro Dramático Galego poderá verse a partir das 21h.

 

É un relato en tres actos que toca cuestións tan actuais como a especulación urbanística, a depredación do medio natural ou o desarraigo. A obra “Un hotel de primeira sobre o río”, unha produción do Centro Dramático Galego (CDG), poderá verse o vindeiro venres 12 de maio ás 21h sobre o escenario do Teatro Lauro OImo do Barco.

Eses tres actos que compoñen a peza son a historia de Ruth, quen vive e traballa nun val afectado por un proxecto urbanístico para construír un hotel cunha área recreativa. “O espectáculo narra a presión exercida sobre a protagonista para que renuncie ás súas terras, á súa casa, á súa historia e ás súas raíces, evocando de xeito onírico e simbólico a dualidade entre a realidade e as fantasías da súa imaxinación”, segundo o CDG.

“Un hotel de primeira sobre o río”, con texto de Xohana Torres e con dirección e dramaturxia de Gonçalo Guerreiro e María Torres, conta cun elenco formado por Iván Davila, Raquel Espada, Sofía Espiñeira, Merche Pérez, Nicolás Otero, Pablo Sánchez e Lidia Veiga.

Esta obra “é o resultado do diálogo do texto orixinal co teatro de movemento, a danza, a música e as artes visuais. Cunha coidada composición estética e unha rigorosa investigación sobre xestos e imaxes, a peza convídanos a abordar diferentes xeitos de vivir no ámbito rural e a cuestionar a xestión dos recursos naturais”, segundo o CDG.

Artigos relacionados

Back to top button