ConcellosÚltima hora

Un matrimonio valdeorrés denuncia a sustracción de xoiais durante un ingreso no Hospital de Valdeorras

Dende o Sergas aseguran que nun ingreso sempre se lle recomenda ao paciente que leve o mínimo e imprescindible e "que non deixe obxectos de valor nin diñeiro nas habitacións"

Entrada principal do Hospital Público de Valdeorras, no Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Na mañá do pasado 10 de agosto A.U.A., veciña do Barco, ingresaba no Hospital Público de Valdeorras para unha indución ao parto, acompañada do seu marido, A.P.A. E durante ese ingreso decatábanse de que algunhas das súas pertenzas persoais, en concreto varias xoias, desaparecían do bolso que deixaban na súa habitación.

“Na habitación do paritorio quitei as xoais e depositeinas nun bolsiño onde tiña a documentación do seguimento do embarazo. Esa bolsa estivo en todo o momento con nós no paritorio, e despois, cando nos indicaron que subiramos a planta. Ao día seguinte xa nos mandaron baixar para dar a luz e o bolso quedou no armario da habitación, na que non había outras persoas, e ningún familiar entrou alí porque non sabían que estabamos ingresados. Logo volvimos á habitación ás tres da madrugada do 12 de agosto”, explica A.U.A. Non foi ata o día seguinte cando se decataron de que lles faltaban as xoias. “Fun abrir o bolso para poñelas e vin que estaba revolto, de feito tiñamos uns papeis e en canto o collín, os papeis cairon, e xa non había nada, todas as xoias que tiña desapareceran”, comenta esta valdeorresa.

Máis que o valor económico destas xoias, que é elevado, o que máis lamentan e “a súa perda polo valor sentimental” xa que entre elas estaban o anel de pedida e a alianza de matrimonio. “Non quero culpar a ninguén, simplemente quero dicir que sucedeu isto e pedir que se tomen medidas para que non volva a suceder, que se controle máis no hospital”, conta esta parella.

Nese senso, puxeron os feitos en coñecemento da dirección do hospital, primeiro nunha reunión e despois a través dunha carta de reclamación, presentada o 26 de agosto, na que A.U.A. solicitaba “que se faga algo”. Din que a día de hoxe están aínda agardando unha contestación do hospital. Ademais decidían presentar unha denuncia ante a Garda Civil pola substración das súas pertenzas persoais. E así o facían o pasado 19 de setembro.

Con respecto a este suceso, dende a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco explícase que “cando se realiza un ingreso en calquera hospital público recoméndaselle ao paciente que leve o mínimo e imprescindible: obxectos de aseo persoal, unha bata, unhas zapatillas e a roupa para se cando vaia de alta e o resto proporciónallo o Sergas. E aconselláselles que non leven nin diñeiro nin obxectos de valor e que sempre teñan a alguén, no caso de que se trate dun ingreso urxente, que se poida levar as súas pertenzas a casa porque estamos falando dun hospital, que é unha institución aberta, pe ode entrar calquera e loxicamente non podemos garantir a seguridade dos bens que os pacientes deixen nas habitacións. Ademais, en caso de que pidan custodia, hai unha caixa forte, e as súas pertenzas métense na caixa forte ata que se vaian de alta”.

Artigos relacionados

Back to top button