EconomíaEconomíaÚltima hora

Un novo servizo gratuíto de autobús lanzadeira conectará Escairón (O Saviñao) coa Praia da Cova

Será posto en marcha polo Consorcio de Turismo Ribeira Sacra no marco do Plan de Sostibilidade Turística

Praia da Cova./ Foto: Consorcio de Turismo Ribeira Sacra.

 

O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra poñerá en funcionamento un servizo gratuíto de autobús lanzadeira que conectará Escairón (O Saviñao) coa Praia da Cova, no marco do Plan de Sostibilidade Turística. Trátase dunha medida disuasoria para desconxestionar un dos puntos máis visitados da ribeira do Miño durante o periodo estival, que polas súas condicións, ao igual que outros recursos turísticos de Ribeira Sacra, non dispón de espazos de estacionamento o suficientemente amplos para acoller todos os vehículos que se achegan ata alí durante o verán, e que adoita dificultar o tránsito e manobras dos de maior tamaño.

Como parte do territorio da Reserva da Biosfera, trátase dun espazo natural a coidar e preservar, no que se fai recomendable que nos habituemos a empregar transporte colectivo e evitar as emisións dos numerosos vehículos turismo que chegan ata alí na actualidade.

O servizo de lanzadeira funcionará todos os días entre o 1 de xullo ata finais de agosto. Contará cunha capacidade aproximada de 20 prazas e saídas cada hora, en horario de tarde, dende a Praza de España (Escairón, O Saviñao).

A alternativa para chegar á Praia da Cova, por vontade do Concello, será un servizo gratuíto para visitantes e veciños/as co fin de sensibilizar a locais e visitantes nesta fase inicial. Malia iso, recoméndase a súa reserva previa con fin de garantir a dispoñibilidade de prazas. Terán preferencia aquelas persoas con reserva que estará habilitada a partir do día 30 de xuño a través da plataforma do Consorcio de Turismo: https://turismo.ribeirasacra.org/es/reservas

Os accesos por estrada á Praia da Cova continuarán abertos ao tráfico rodado. Non obstante, só se poderán utilizar as prazas habilitadas e sinalizadas na actualidade para o estacionamento, debendo deixar libre as beiras da estrada, habitualmente utilizadas polos vehículos para aparcar.

O Concello colaborará cun equipo de Protección Civil que informará a usuarios e controlará que se estacione de forma axeitada durante os primeiros días de funcionamento do servizo e sempre que se requira.

Este é o segundo microbús lanzadeira que se pon en funcionamento en Ribeira Sacra con cargo ao Plan de Sostibilidade Turística; o de acceso ao mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, no Concello de Parada de Sil, iniciou actividade o pasado verán e este ano é o concello o que asume a continuidade do servizo que xa estivo operativo durante a Semana Santa. A pretensión do Consorcio é a de poñelos en marcha, facer os axustes precisos para que sexan viables e sostibles e que as entidades locais asuman a súa continuidade nos vindeiros anos.

Estas iniciativas pretenden controlar a capacidade de carga de recursos visitados, mellorar a súa accesibilidade, promover o uso de transporte colectivo para un menor impacto ambiental e optimizar a experiencia dos visitantes e habitantes, minimizando as problemáticas no estacionamento e tránsito por estradas sinuosas e estreitas.

O documento de mobilidade do Plan de Sostibilidade Turística, seguramente recollerá a previsión de poñer en funcionamento outros servizos semellantes en espazos do xeodestino con problemáticas da mesma natureza.

Artigos relacionados

Back to top button