Un paseo pola historia do Barco e Viloira a través do teatro[/dropcap]
A música de Follas Novas de Córgomo pon fin a tertulia que manteñen o dramaturgo Lauro Olmo, a escritora Elena Quiroga e o poeta Florencio Delgado Gurriarán nos xardíns da Casa Grande Viloira (O Barco) nos momentos previos á lectura do pregón das Festa do Cristo de 1981 por parte deste último. Con esta escena concluía a representación de “Polos camiños do tempo. Percorrido teatral pola historia do Barco e Viloira”, no mediodía do 15 de setembro.
Era a terceira ocasión na que se escenificaba, da man de Gargallada Teatro, esta singular proposta producida polo Concello do Barco, escrita por Gustavo Docampo e dirixida por José Luis García Alejandre “Alex”. A peza estreábase o pasado ano, tamén polas Festas do Cristo do Barco cunha gran acollida, algo que se repetía nesta ocasión.
Numerosas persoas seguían este traxecto teatral con sete escenas que comezaba na praza Maior da vila, seguía polo Porto da Barca, a rúa Real e logo cruzaba a pasarela ata Viloira, onde se levaban a cabo o resto das escenas. Nesta proposta escénica mestúranse diversas épocas, sucesos reais (como a poxa da barca que unía as dúas beiras do Sil no século XVIII, unha voda na Casa Grande ou a construción e posterior caída da Ponte de San Fernando); con outros imaxinados a partir deles.
Os numerosos personaxes que desfilan por cada unha das escenas están encarnados (seguindo a súa orde de aparición) por: Carme Hernández, Reyes Limia, Manuel Caramés, José Luís Conde, Lalo Santos, Silvia Cuesta, Aurora Fernández e Manuel González. Ademais irán acompañados por un grupo de músicos tradicionais, formado por Manuel Durán, Xoaquín Freixeiro, Xulio Parada e Mauro Docampo.
Fotos: Ángeles Rodríguez.