CulturaÚltima hora

Un posible lagar de viño, no castro de Armea (Allariz)

Este xacemento romano está sendo obxecto dunha nova intervención arqueolóxica dende primeiros de xullo
Imaxe do xacemento de Armea (Allariz)./ Foto: Universidade de Vigo.

A intervención arqueolóxica que se está a desenvolver dende o 1 de xullo na cibdá romana ou castro de Armea (Allariz) vén de deixar ao descuberto unha posible zona produtiva, e máis en concreto dun lagar de viño. Estes traballos están sendo realizados por un equipo dirixido polo Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (Geaat) do campus de Ourense.

“Os traballos da domus norte sacaron á luz na zona elevada unha posible zona produtiva, como un patio de traballo, relacionada quizais coa produción de viño”, comentan Patricia Valle, directora dos traballos de campo, e Alba Rodríguez. “Cremos que o lagar situaríase nos bolos graníticos desa zona elevada e que logo habería unha superficie lisa onde levarían a cabo tarefas relacionadas co viño”, comenta.

Nas rochas naturais, detallan, “apareceron numerosos rebaixes, canles, lagaretas e outro tipo de marcas que apuntan á instalación dun lagar, unha zona de pisado da uva para obter viño”. Trataríase polo tanto dunha “domus produtora de viño” e dunha descuberta relevante pois segundo explican as arqueólogas non se coñecen exemplos similares de lagares en Galicia, segundo as investigadoras. Nesta zona atopouse ademais unha moeda de bronce, aínda que polas condicións de conservación non se coñece aínda a súa tipoloxía.

Este mércores o xacemento, ocupado ex novo arredor do século I despois de Cristo e abandonado no III, era visitado este mércores por Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense; Mª Cristina Cid, alcaldesa de Allariz; Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia; Fermín Pérez, director do proxecto xunto a Adolfo Fernández, e Patricia Valle.

O proxecto está dirixido por Adolfo Fernández e nel participan ademais outros dous profesores da Facultade de Historia do campus de Ourense, como son Fermín Pérez e Susana Reboreda. A intervención de campo está dirixida pola investigadora do Geaat Patricia Valle, co apoio de Alba Rodríguez e nela participa arredor dunha vintena de alumnos e alumnas, algúns deles da Facultade de Historia do Campus de Ourense e outros chegados doutras universidades galegas, estatais e estranxeiras.

 

Artigos relacionados

Back to top button