OurenseÚltima hora

Un programa online axudará aos comerciantes locais a expandir as súas liñas de negocio

“Sé Digital”  é un curso de 20 horas de duración, sen límite de prazas e gratuíto que  poderá completarse en dous meses

Concebido como un programa de formación online a través dun convenio de colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI) e Orange España para a formación e apoio ao emprendemento dixital baseado na innovación, o Concello de Ourense pon en marcha “Sé Digital”, deseñado para desenvolver habilidades dixitais entre os cidadáns e contribuír á transformación dixital das empresas, así como para o desenvolvemento do ecosistema dixital municipal.

Na presentación da ferramenta, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, salientou a “oportunidade que representan plataformas coma esta, gratuíta e aberta para todos os cidadáns, para o desenvolvemento do tecido económico da cidade”, especialmente “nesta cidade con tradición de comercio e comercio tradicional”. Xunto ao rexedor, tamén estiveron presentes os concelleiro de Emprego e Promoción Económica, Jorge Pumar; e de Comercio, Belén Iglesias; o xerente de Relacións Institucionais da Zona Norte de Orange España, Óscar Aragón; e o xefe de Proxectos Estratéxicos da EOI, Javier Moreno; así como integrantes de diferentes colectivos de comerciantes da cidade, coma a Cámara de Comercio, o Centro Comercial Aberto, o centro comercial Ponte Vella ou a asociación de comerciantes da Praza de Abastos.

Tal como avanzan dende o Concello de Ourense, puntarse a “Sé Digital” é sinxelo, xa que se trata dun curso online de 20 horas de duración, sen límite de prazas e que se poderá completar ata en 2 meses. Non require coñecementos previos en materia de novas tecnoloxías e é completamente gratuíto. A inscrición poderase realizar a través da páxina web https://sedigitalylanzate.es ou www.ourense.gal desde este mesmo luns. A compañía Orange facilitará as titorías e material preciso, e ao final do curso expedirase un certificado oficial asinado pola EOI.

Artigos relacionados

Back to top button