EconomíaEconomíaÚltima hora

Un proxecto sobre a creación dunha bebida a base de castaña, finalista no Premio ao mellor Traballo Fin de Máster da Cátedra AgroBank

Trátase dun traballo de Carlota Fuentes, egresada do Máster en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria e Ambiental no Campus de Ourense

Ourizo de castañas./ Cedida.

 

Entre as seis finalistas do certame “Ciencia en feminino: Premio ao mellor Traballo Fin de Máster da Cátedra AgroBank Calidade e Innovación no sector agroalimentario”, impulsada por CaixaBank e a Universitat de Lleida, figura o traballo de Carlota Fuentes, egresada do Máster en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria e Ambiental. Este proxecto leva por título “Desenvolvemento dunha bebida vexetal a base de castaña” e está dirixido pola docente da Área de Tecnoloxía dos Alimentos Sidonia Martínez. A estudante competirá agora por un premio, que se fallará en marzo, de 3.000 euros, tal e como vén de informar a Universidade de Vigo.

Neste Traballo Fin de Mestrado Fuentes propón unha alternativa saudable aos consumidores de bebidas de orixe vexetal. “A castaña nos últimos anos adquiriu unha transformación considerable cunha ampla gama de produtos, especialmente con castañas enteiras. A idea do meu TFM é aproveitar as castañas que non se comercializan nese tipo de produtos, simplemente porque non están enteiras ou non teñen bo aspecto”, segundo as declaracións ao Duvi desta ex-alumna da Facultade de Ciencias, quen na actualidade xa está incorporada ao mundo laboral. “Despois de facer moitas probas”, desenvolveu tres receitas distintas, con diferentes ingredientes, comprobando cales se semellaban máis a unha bebida vexetal, “todo con ingredientes naturais” e, posteriormente, realizou diferentes análises físico-químicos, sensoriais, organolépticos… ata conseguir este novo tipo de bebida non láctea.

Ademais, dende a Universidade de Vigo apuntan que, segundo destaca a Cátedra AgroBank, “este tipo de produtos de bebidas non lácteas están actualmente en auxe e acostuman empregar como materias primas a soia, o arroz, a améndoa, a avena ou a abelá, polo que a castaña representa unha alternativa rica en hidratos de carbono, fósforo e vitaminas B e E, cunha escasa cantidade de graxa e unha elevada cantidade de auga”. Ao mesmo tempo, tamén se tivo en conta que o proxecto ten en consideración que “España é un dos países europeos cunha maior tradición no consumo de castañas e conta cunha industria arredor de dito produto capaz de proveer de castañas que non encaixan coas características idóneas para a súa comercialización, pero si para a súa transformación nunha bebida vexetal”.

Artigos relacionados

Back to top button