Non houbo magosto nin viño novo na praza Maior. Foi unha celebración totalmente inusitada na que faltaron moitas cousas xa tradicionais desta xornada, pero Quiroga non quixo deixar pasar o día de hoxe, 11 de novembro, sen honrar ao seu patrón, o San Martiño.
Non houbo procesión pero a imaxe do santo presidiu unha celebración relixiosa á que acudía parte da corporación municipal. Unha celebración marcada tamén pola limitación de aforo. A música que soou boa parte da mañá polas rúas da vila a cargo do grupo O Recanto, tamén acompañou os oficios relixiosos.
Pola tarde volveu a música. O grupo de música tradicional Entre Lusco e Fusco lembraba aos veciños a xornada festiva. Unha festa na que non se asaron as castañas na praza Maior, pero o magosto estivo presente en moitas das casas dos quirogueses, sobre todo no barrio da praza, lugar no que esta festividade se viviu sempre máis intensamente, chegando a todas as pequenas pantallas da man da Televisión Municipal de Quiroga que emitiu un programa especial con imaxes da edición do San Martiño de 2019.
Tampouco correu o viño novo na festa, nunha xornada que este ano tiña dobre celebración, pois cumpríanse corenta anos dende a primeira edición da Feira do Viño de Quiroga, que escollía o 11 de novembro do ano 1980 para iniciar a súa andaina.