![](https://osil.info/wp-content/uploads/2022/07/carlos.jpg)
O deporte é a súa afección xa dende cativo. Carlos Revuelta Parra comezaba como atleta nas filas do Club Adas do Barco, a súa localidade natal, onde iniciativa unha destacada traxectoria deportiva na cal ten vestido a camiseta de recoñecidos clubs do panorama estatal, con salientables resultados.
Hai apenas un par de semanas proclamábase campión galego en lanzamento de martelo absoluto, sendo atleta da Ximnástica de Pontevedra. E xa ten marca para o campionato de España absoluto a finais de xullo en Valencia.
Ademais, tamén, en xuño era adestrador responsable dos lanzadores Sub 23 e Sub 20, da selección española en Portugal. Aos seus 32 anos, compaxina a súa paixón polo deporte coa súa profesión, tendo en conta que é profesor na Facultade de Ciencias da Educación Física e o Deporte da Universidade Europea de Madrid e, tal e como se vén de facer público, adestrador persoal do presidente do PP, o tamén ourensán Alberto Núñez Feijóo.
Era o propio Feijóo quen o desvelaba nunha entrevista publicada neste xoves 6 de xullo no diario Marca, na que aludía ao valdeorrés Carlos Revuelta como o seu adestrador agora que está en Madrid.