EconomíaEconomíaÚltima hora

Unha aposta polo oleoturismo neste outono na Galicia interior

A empresa valdeorresa Enoturismo Galicia ofrece unha proposta turística singular e centrada no mundo das oliveiras

Vareo das olivas nesta actividade de oleoturismo./ Foto: Enoturismo Galicia.

 

Gustaríache ser olivicultor por un día? Esta é a proposta que lanza neste outono a empresa valdeorresa Enoturismo Galicia nun singular percorrido polas terras da comarca de Quiroga, na Ribeira Sacra lucense. Trátase dunha actividade de oleoturismo que inclúe un paseo entre oliveirais “a medida que imos escoitando as explicacións sobre as partes da oliveira, variedades, cultivo….. Participaremos na recollida da oliva poderase participar no vareo e veremos como se realiza actualmente con maquinaria”, explican dende Enoturismo Galicia.

Despois haberá unha visita a unha almazara, no decurso da cal se explicará o proceso produtivo do aceite, con elementos tales como prensas, depósitos de decantación e almacenamento…. logo catarase o aceite acompañado de pan da zona.

A iniciativa comezaba xa os días 29 e 30 de outubro, así como o 5 e o 6 de novembro e terá continuidade na vindeira fin de semana, os días 12 e 13 de novembro.

Esta proposta constitúe “unha viaxe interactiva onde os adultos e os nenos aprenden de onde procede o aceite, como se coidan as oliveiras e como se transforma a oliva en aceite de forma natural Seredes partícipes de todo o proceso que ten a oliva: recolección, limpeza, criba…”, comenta a responsable de Enoturismo Galicia, Amparo Montenegro.

Máis información:

https://enoturismogalicia.es/es/rutas/aceitunero-por-un-dia-en-la-ribeira-sacra-103

Artigos relacionados

Back to top button