A tres mess para que comece o Ano Xacobeo 2021 e en plena pandemia, séguens dando pasos para “evitar o contacto persoal e afondar na prestación de servizos dixitais que faciliten a peregrinación no Camiño de Santiago”. Son os principais obxectivos da credencial dixital que permitirá aos peregrinos que a partir do mes de xaneiro de 2021 percorran o Camiño de Santiago poidan rexistrar a súa ruta, en lugar de coa tradicional acreditación de papel, cunha xestionada a través dunha aplicación móbil.
A nova App era prestantada en Santiago nun acto que contou coa participación da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, do deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez, e do director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo. Na súa intervención, a directora de Turismo de Galicia, órgano dependente da Vicepresidencia 1ª da Xunta de Galicia, destacou esta nova aplicación dixital como unha iniciativa que vai permitirlles aos peregrinos obter a Credencial e selala dun xeito telemático á vez que se vai facendo a ruta, o que, “ademais da comodidade que supón, evitará tamén todo contacto persoal”, manifestou.
Desde o punto de vista sanitario, segundo indicou Nava Castro, esta é unha iniciativa que se une ás xa implementadas pola Administración autonómica tendentes a evitar contaxios e a expansión da covid-19, “tales como os manuais de actuación para albergues ou a formación para propietarios e persoal destas instalacións”, así como a central de reservas de albergues públicos online ou o plan de instalación de sistemas wifi en cada unha destas instalacións.
A App da credencial dixital estará dispoñible en varios idiomas para as plataformas iOS e Android, mostrará tamén as distintas rutas do Camiño de Santiago e, ademais de posibilitar a captura dos selos dixitais a través de códigos QR, permitirá a integración dos datos no rexistro do peregrino.