CulturaCulturaEn portadaMúsicaÚltima hora

Unha foto do valdeorrés Sindo Novoa, no libro “Berpiztu” do músico Kepa Junkera

O artista vasco pediulle que reinterpretara graficamente o seu disco "Galiza" para incluír esta imaxe neste traballo que recompila a súa traxectoria musical

 

Primeiro presentábase o documental “Berpiztu”, dirixido por Fermín Aio, e agora un libro co mesmo título. Catro anos despois de que o coñecido músico vasco Kepa Junkera sufrira un ictus mentres estaba en Gante (Bélxica), dous traballos celebran o renacer deste artista.

Onte tiña lugar o acto de presentación do libro “Berpiztu”, que ao longo de 250 páxinas reúne fotografías de Junkera desde que tiña apenas 12 anos, textos, anécdotas contadas por el e os seus próximos, as súas obras en formato gráfico, así como as partituras das mesmas.

 

Sindo Novoa xunto a Kepa Junkera na presentación do libro./ Foto: Sindo Novoa.

 

A idea de elaborar este volume partía do propio músico cando aínda estaba no hospital. Comentáballe ás persoas máis próximas que quería facer un libro que recollese toda a súa obra. Ademais, plantexaba que cada un dos seus discos tivese unha mirada nova por parte dun artista. E así comezaba unha serie de contactos con artistas coñecidos ou non para pedirlles unha interpretación gráfica dun dos seus discos. No caso do de “Galiza”, o seleccionado era o fotógrafo valdeorrés Sindo Novoa.

 

 

“Tiven a fortuna (e responsabilidade) de ter que interpretar o disco “Galiza” cunha foto realizada no Faro de Punta Nariga”, comenta o barquense, quen lle agradece a Junkera o feito de ter contado con el para este proxecto. Novoa tamén explica que lle remitiu varias “para que elixira el, e finalmente quedou coa do faro”.

Fotos: Sindo Novoa.

Artigos relacionados

Back to top button