EconomíaEconomíaÚltima hora

Unha instrución da Xunta axilizará a tramitación dos cambios de aproveitamento para pastos en terreo forestal

A Consellería de Medio Ambiente marca os criterios técnicos a seguir á hora de tramitar a implantación de pasteiros en terreos deste tipo fóra da Rede Galega de Espazos Protexidos, que non terán a consideración dun cambio de uso

 

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda informa de que acaba de ditar unha instrución aclaratoria co fin de “resolver posibles dúbidas sobre como deberán tramitarse os posibles cambios de aproveitamento forestal en terreos localizados fóra da Rede Galega de Espazos Protexidos e que supoñen, aproximadamente, 1,5 millóns de hectáreas. O obxectivo é clarexar que a implantación dun pasteiro nun terreo forestal non é un cambio de uso a efectos da súa tramitación, de tal xeito que non ten que someterse a avaliación ambiental”, tal e como se informa dende este departamento autonómico.

A Dirección Xeral de Patrimonio Natural e a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático promoven conxuntamente unha instrución interna tras detectar que, ás veces, estas actuacións “se confunden cun novo aproveitamento, distinto do orixinal, pasando por alto que a plantación de pastos en terreos forestais segue a ter o mesmo carácter e non supón un cambio a usos agrícolas”, indican. Para evitalo, a instrución será trasladada agora aos técnicos dos distintos departamentos da Xunta implicados.

Neste sentido e co fin de simplificar a tramitación deste tipo de supostos, a Consellería considera necesario introducir e aclarar os criterios técnicos que deben aplicarse a partir de agora na tramitación de posibles cambios de aproveitamento forestal fóra do ámbito da Rede Galega de Espazos Protexidos.

Así, a implantación de pastos en terreos forestais, segundo a propia definición recollida na Lei de Montes de Galicia, segue a ser un aproveitamento forestal e non implica unha transformación a usos agrícolas senón que se mantén o seu carácter orixinal. Polo tanto, non ten que someterse a avaliación ambiental nin solicitarse no marco do mesmo o correspondente informe da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Do mesmo xeito, cando a implantación dun destes aproveitamentos para o gando implique a realización de cortas, tampouco levará aparellado un procedemento de avaliación ambiental salvo en caso de que o propósito das cortas sexa cambiar o uso do solo para destinalo a outros distintos do forestal como, por exemplo, a implantación dun cultivo agrícola.

Ademais de gañar axilidade e evitar trámites innecesarios cando se queira destinar un terreo forestal á implantación de pasteiros, a instrución tamén agarda incidir positivamente na dinámica actual de abandono das terras agrícolas e forestais en Galicia. Así mesmo, cómpre subliñar o papel fundamental que representan os pasteiros e os hábitats de formacións herbosas para a conservación da biodiversidade.

Artigos relacionados

Back to top button