PolíticaÚltima hora

Unha moción proporá no pleno do Barco que unha rúa coruñesa pase a chamarse “Mártires de Valdeorras”

Vén de ser presentada polos concelleiros do BNG e de Riada Cidadá para o seu debate na sesión do vindeiro 7 de outubro

O concelleiro do BNG e o de Riada Cidadá, nun pleno do Barco./ Foto: A.R.

 

Entre os puntos que se abordarán no pleno que a Corporación do Barco celebrará o vindeiro xoves estará unha moción presentada polos concelleiros do BNG, Suso Vilasáncez, e de Riada Cidadá, Félix García para “solicitarlle ao Concello da Coruña a consideración da proposta de cambio de nome da rúa alcalde Peñamaría de Llano (tenente da lexión e alcalde da Coruña na ditadura) polo de Mártires de Valdeorras”.

Na exposición de motivos da iniciativa, os concelleiros asinantes da mesma, lembran que xa en outubro do ano 2019, foi xa tratado este tema, “acadando un consenso de tódolos grupos políticos da corporación municipal para informar ao Concello da Coruña dos feitos acaecidos na nosa comarca, e que de iniciarse algún procedemento relacionado coa Lei da Memoria Histórica (Lei 52/2007 de 26 de decembro) sexan tidos en conta, e así, en concordancia coa devandita Lei, contribúan a promover a reparación moral da veciñanza da comarca de Valdeorras e recuperar a súa dignidade”.

Así mesmo, aseguran os edís que “recentemente recibiuse neste Concello un escrito de parabén da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, polo consenso alcanzado no pleno antes mencionado, onde ademais se nos informa que a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña vai propoñer ao Concello da Coruña o cambio de nome da Rúa Alcalde Peñamaría de LLano polo de Mártires de Valdeorras, como lembranza do sinistro paso de Peñamaría de Llano pola comarca de Valdeorras”.

 

Cedida.

 

Neste senso, na moción solicítase que o “Concello do Barco de Valdeorras en orde a acadar a reparación moral e recuperar a dignidade da veciñanza de Valdeorras, tralos feitos acaecidos na represión franquista, a cargo de Peñamaría de Llano no noso concello e comarca, insta ao Concello da Coruña a tomar en consideración a proposta da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña en orde a substituír o nome da Rúa Alcalde Peñamaría de LLano polo de Mártires de Valdeorras”.

Cabe tamén ter en conta que na pasada fin de semana desenvolvíase unha ruta reivindicativa no decurso da cal se lle cambiaban simbolicamente os nomes a catro rúas que levan o nome de catro alcaldes da etapa da ditadura. Unha desas rúas era a citada de Peñamaría de Llano, poñendo no seu lugar o nome de “Mártires de Valdeorras”. Este acto estaba convocado pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) e coa colaboración da Asociación Veciñal da Agra do Orzán e a Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña.

Artigos relacionados

Back to top button