CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Unha “noite de medo” na biblioteca do Barco de Valdeorras

Contos, obradoiros, concursos e festa para celebrar O Samaín, o 31 de outubro

A un mes vista, a biblioteca Florencio Delgado Gurriarán comezaba xa os preparativos para celebrar O Samaín. E facíao cun obradoiro centrado nos contos “Que medo dá esta biblioteca!!” para os rapaces de 5º e 6º de Primaria dos colexios do Barco de Valdeorras, os mesmos que participan no concurso “Contos de Medo” no que o primeiro premio “serán unhas entradas ao parque de Warner de Madrid, ademais doutros premios”, explican dende a biblioteca.

E xa para o día 31 de outubro, hai programada unha serie de actividades para os cativos que comezarán ás catro da tarde. A esa hora  coa cooperación de “Miguitas Uhm que ricas” terá lugar un obradoiro de cociña (previa inscrición) centrado nas receitas  de cociña de Escarlatina, a protagonista do libro “Escarlatina, a cociñeia defunta” de Ledicia Costas que será presentado ás 19 horas.

O programa inclúe unha sesión de maquillaxe a cargo de Perfumería de la Puente, a resolución do concurso de contos, e o prato forte: “Noite de medo na biblioteca” a partires das 20:30h. Tal como adiantan dende a organización, a festa continuará con xogos polas rúas do Barco e nos bares La Maltería, Vinum, Veira Sil,  O Buraco e Pizzaría O Barco “onde conseguiremos algúns petiscos terrorificamente ricos que serán a nosa cea”. De regreso á biblioteca, entre contos e risas os nenos e nenas inscritos poderán pasar a primeira noite de medo na biblioteca (aforo máximo de 25 cativos a partires de 8 anos).

Fotos cedidas.

Cartaz do programa do Samaín no Barco.
Cartaz do programa do Samaín no Barco.

Artigos relacionados

Back to top button