CulturaCulturaÚltima horaVídeos

Unha panxoliña e un brinde pechan en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) o Ano de Florencio

Brinde para pechar o Ano de Florencio.

 

“Esta noite é Noiteboa; hai ledicia non hai dór. Mais cando a pasemos xuntos, ha de ser Noite-millor”. Con estes versos de Florencio comeza a panxoliña que o cantautor valdeorrés Anxo Rei compuxo como peche das Letras Galegas adicadas ao poeta de Córgomo (Vilamartín). O poema, titulado “Panxoliñas”, está entre os escritos inéditos deixados por Florencio e recollidos por Ricardo Gurriarán na primeira edición da biografía que adicou ao seu parente. O poema, datado en 1963 en Nova Galiza, México, escribiuno uns anos antes do seu primeiro regreso tralo exilio. Case sesenta anos despois, estes versos collen forma na voz de Anxo Rei, acompañado na guitarra e nos arranxos de Jorge F. Ojea.

 

O cantautor valdeorrés Anxo Rei.

 

Esta composición Anxo Rei, que xa suma máis de vinte adaptacións de poemas de Florencio, foi o broche a un ano no que Valdeorras foi un dos epicentros da cultura galega. Con decenas de eventos, encontros, actuacións, conferencias, catas, recitais, teatro, concertos, murais, roteiros, concursos, galas, contacontos, libros… a comarca foi un fervedoiro de actividade e celebración polo recoñecemento que a Real Academia Galega deu a Florencio Delgado Gurriarán e por extensión, ao exilio mexicano e ao galego valdeorrés.

E para celebrar este peche, na mañá deste venres 23 de decembro reuníanse na Aira dos Bolos de Córgomo, unha boa representación das institucións que integran o proxecto As Letras de Floroencio e que a partires do 2023 estarán na futura Fundación Florencio Delgado Gurriarán: os concellos de Vilamartín, O Barco, A Rúa, Petín e Rubiá e máis o Instituto de Estudios Valdeorreses. Foi unha foto final brindando con Anxo Rei e celebrando que remata o ano das Letras pero ábrese un novo tempo para a cultura galega en Valdeorras.

 

Artigos relacionados

Back to top button