SanidadeÚltima hora

Unha persoa é detida en Santiago polo roubo de preto de 2 millóns de mascarillas, entre outro material sanitario

Nave da empresa onde se produciu o roubo.

A Policía Autonómica vén de deter a unha persoa en Santiago de Compostela pola súa suposta implicación no roubo de preto de 2 millóns de mascarillas, entre outro material sanitario, nunha nave situada no Polígono do Tambre.

O operativo comezou tras recibir o aviso de que na nave podería haber unha gran cantidade de mascarillas do modelo FFP2, guantes cirúrxicos, pantalóns, uniformes sanitarios, botiquíns e alcohol. A empresa, que se dedica á venda de material sanitario, está actualmente en situación concursal.

“Ante este aviso, os axentes solicitaron a autorización do administrador concursal e accederon ao interior da nave, onde comprobaron que a mercadoría tiña sido subtraída. En concreto, as mascarillas foron roubadas case en toda a súa totalidade -só quedaron unhas 1.000 unidades-. Todo o material roubado, para o que se calcula un valor aproximado duns 5 millóns de euros, foi extraído das súas caixas e plásticos protectores co obxectivo de ocultar a súa procedencia”, tal e como se informa dende Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

 

Outra imaxe da nave.

 

Crese que o roubo se produciu cando a pandemia de coronavirus xa estaba presente en varios países e era considerado un problema de saúde pública. “Polo tanto, os autores do roubo eran plenamente conscientes de que este era un material moi necesario na loita contra a enfermidade e que xa comezaba a escasear no mercado. De feito, fixéronse cos materiais que máis demanda teñen actualmente e deixaron outros que non están tan solicitados, como botas ou botiquíns”, segundo Vicepresidencia.

A partir dese momento, iniciouse a investigación que apuntou a un empresario da cidade, que fora visto ao redor da nave e “que, recentemente, mantivera supostamente unha reunión con cidadáns portugueses que, con posterioridade, accederon ao interior desta empresa. A hipótese actual é que, logo de roubar o material sanitario, este foi vendido a unha empresa afincada en Portugal”, tal e como indica Vicepresidencia.

Entón procedeuse á detención do empresario pola súa suposta implicación nos feitos. Unha vez tomada declaración, foi posto a disposición xudicial. Actualmente continúan as investigacións para dar co resto de autores e as persoas que presuntamente recepcionaron o material en Portugal, polo que se solicitou a colaboración das forzas e corpos de seguridade do país veciño. Ademais, vaise dar conta de toda a operación á Delegación de Goberno.

Artigos relacionados

Back to top button