OurenseÚltima hora

Unha persoa perde a vida nun accidente de tráfico en Piñor

 

Na noite do venres 28 de xullo producíase un accidente de tráfico no municipio ourensán de Piñor no que resultaba falecida unha muller, tal como indican dende o 112 Galicia, explicando que “o choque frontal entre a furgoneta e o camión produciuse na AG-53, no punto quilométrico 63”. Un dos alertadores ao 112 Galicia dixo que “un dos vehículos implicados ía en dirección contraria” e como consecuencia do impacto, “a condutora da furgoneta e única ocupante do vehículo faleceu, mentres que o camioneiro resultou ileso”.

Así o confirmaban os equipos de emerxencias e sanitarios, que se desprazaron ao lugar tras recibir a alerta no 112 Galicia arredor das 23:30 horas. “As chamadas de varias persoas ao número único de emerxencias posibilitaron a posta en marcha dun operativo de rescate e atención aos feridos. De feito, acudiron os Bombeiros do Carballiño, xa que a vítima estaba, ademais, atrapada no interior da furgoneta, e os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que só puideron confirmar o falecemento”, din dende o 112.

Tamén contaron coa colaboración dos voluntarios de Protección Civil da vila e interviñeron os axentes da Garda Civil de Tráfico co fin de reunir todos os datos do sinistro. Ademais “foi necesario efectuar a limpeza da vía para retirar os danos e restablecer as condicións de seguridade, por iso, foron informados os equipos da Axencia Galega de Infraestruturas”, conclúen dende o 112 Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button